CIDADE HISTÓRICA

Comezan as obras de consolidación de pavimento da rúa Bautizados

04/04/2008 A Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica iniciará o luns 7 de abril as obras de consolidación do pavimento da rúa Bautizados. O proxecto contará cun orzamento total de 27.296 euros para cubrir os traballos necesarios de reposición e reparación do enlousado de pedra existente nesa rúa.

A rúa Bautizados comunica a Porta Faxeira coa praza do Toural e funciona como unha das vías de entrada á cidade histórica máis transitadas, tanto por vehículos como por persoas. Este importante transito, en moitos casos de camións de reparto, ten provocado un deterioro salientable no pavimento. Segundo a concelleira da Cidade Histórica, Socorro García Conde, "coas obras óptase por non facer pequenos arranxos puntuais nos elementos degradados, senón por realizar unha rehabilitación integral da lousa da rúa".

Para a execución das obras respectaranse as determinacións e recomendacións recollidas na memoria e normativa do Plan especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. O procedemento, que vai acompañado dun rigoroso control arqueolóxico, para levar adiante estes traballos de reparación será o seguinte:

- Nas zonas dun rexuntado defectuoso ou inexistente: elminación do rexuntado e posterior colocación dun novo rexuntado.

- Onde exista un asentamento defectuoso ou lousas fundidas: retiraranse as lousas, limparanse as lousas, prepararase unha nova base, colocaranse as lousas e rexuntarase.

- Nas áreas con lousas rotas ou inapropiadas: retiraranse as lousas, separanse as que se podan voltar empregar, incorporanse novas lousas, prepararase unha nova base, colocaranse as lousas e rexuntarase.

Estes traballos responden ao obxectivo de conseguir a recuperación do pavimento da zona vella para, unha vez ter arranxado os problemas máis graves, poder instalar un sistema de mantemento do enlousado que preveña e evite o seu deterioro. Nesta liña de traballo é onde se encadran as obras de mantemento puntual ou de consolidación de rúas como o caso da rúa Bautizados.

Compartir: