MERCADOS

Sánchez Bugallo: "Temos toda a vontade de seguir falando cos gandeiros, pero non renunciaremos á nosa responsabilidade"

04/04/2008 Na súa habitual rolda dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse ao conflito do mercado de Amio. Ao respecto, indicou que o Goberno municipal ten "toda a vontade de falar" e a disposición a "colaborar no que sexa compatible", pero que "non imos a renunciar á nosa responsabilidade cos cidadáns respecto a unha instalación que é completa e absolutamente municipal".

Sánchez Bugallo indicou que seguen abertas as negociacións, das que se está encargando o concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, que está a manter conversas coas tres asociacións de gandeiros. Neste sentido, apuntou que "nestes tres días de conflito non se rompeu ningunha negociación nin sucedeu nada irreversible". Ademais, anunciou que Nieves presentoulles outra proposta verbal "coherente co feito ata agora", que tamén se lles trasladará aos gandeiros por escrito.

Respecto da posición dos manifestantes, o alcalde manifestou que "non poden pretender que o recinto feiral de Amio é seu". Lembrou que "investimos máis de 2.000 millóns das antigas pesetas dos que non recuperamos un céntimo nos nove anos e oito meses de funcionamento do recinto". Para Bugallo, "a ninguén se lle escapa que este foi concibido como un recinto polivalente, de aí que se lle dotara de aire acondicionado".

Sobre a posibilidade de que continúe o conflito, dixo, "a nosa intención é que, con acordo ou con desacordo, se celebre Expovivenda a partir do xoves". Ademais, engadiu que "os problemas de orde público se resolven no seu ámbito específico".

Sánchez Bugallo tamén se referiu ao futuro. "O calendario feiral para 2008 está decidido dende o 12 de decembro e este ano será así; do ano que vén xa falaremos", concluíu.

Compartir: