URBANISMO

Visto bo ao novo nexo de unión entre o vello e o novo Ensanche

04/04/2008 A Xunta de Goberno do luns 7 de abril aprobará inicialmente o proxecto de urbanización do SUP-1 de Romero Donallo. Así o anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que cualificou como "moi delicado" este proxecto, que "que permitirá conectar o novo Ensanche de Conxo co dos anos 70".

Sánchez Bugallo destacou a "modernidade e innovación" da arquitectura deste novo polígono de promoción privada, deseñado por César Coll e que albergará finalmente entre 179 e 200 vivendas libres. Ademais, esta actuación, sobre un ámbito de 30.138 metros cadrados, ofrecerá unha solución estética a esta zona, coa creación de edificios que cubrirán as traseiras dos edificios que teñen o seu fronte na rúa Rosalía de Castro.

Entre as achegas deste polígono, destaca a apertura da prolongación da rúa do Escultor Camilo Otero, que transcorrerá por debaixo do periférico e que unirá esta nova superficie urbanizada con Pontepedriña. Tamén permitirá ampliar o espazo dispoñible para o IES Eduardo Pondal e crear amplas zonas verdes e deportivas.

Respecto ás características do proxecto de urbanización, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, destacou a construción dunha praza, na parte traseira do que foi o antigo cine Avenida. Nesta praza, a carón da rúa Romero Donallo, situarase un conxunto escultórico de Álvaro de la Vega.

Igualmente singular será a recollida de mananciais existentes no núcleo de Cornes coa condución das augas limpas á pequena lagoa formada entre o viaduto Antón Fraguas e o do ferrocarril.

Especialmente chamativa é unha proposta do arquitecto de situar nubes escultóricas na mediana da avenida Romero Donallo, a base dunhas cintas de aluminio lacado en branco unidas a postes e a pavimento. O Concello está a estudar aínda o impacto estético desta actuación.

PXOM
Tamén en materia de Urbanismo, o alcalde apuntou que na vindeira semana se celebrará a última xuntanza coa Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial en relación á aprobación da parte pendente do PXOM. Despois da mesma, o equipo redactor do Plan terá uns 20 días para preparar o documento formal final que se lle presentará á Consellería. Así, o 28 de abril reuniríase a Comisión de Dirección do PXOM, co obxecto de que o organismo autonómico dispoña do documento final na primeira quincena de maio. A partir de entón, a Consellería disporía de tres meses para aprobar estas partes pendentes, aínda que Sánchez Bugallo expresou a súa confianza en que non se esgote o prazo.

"Entre o 80% e o 90% das discrepancias quedaron resoltas de mutuo acordo", apuntou Sánchez Bugallo, quen indicou que, en todo caso, "as discrepancias non afectan ás partes estruturais, troncais e fundamentais do Plan". O alcalde amosouse "razonablemente optimista" sobre o resultado final.

Apertura de plicas do paso inferior de Galuresa
O alcalde anunciou tamén a apertura de plicas polo Ministerio de Fomento para as obras do paso inferior de Galuresa. Presentáronse 28 ofertas para acometer estas obras, cuxo proceso de contratación Sánchez Bugallo agarda que finalice en abril.

Compartir: