DÍA MUNDIAL DA ÁRBORE E DA AUGA

Compostela uniuse aos actos de celebración do Día Mundial da Árbore e da Auga

04/04/2008 Dous grupos de alumnos do CEIP de Vite foron os protagonistas da conmemoración un ano máis do Día da Árbore e do Día Mundial da Auga. Con tal fin, o Concello organizou unha visita ao acueduto da Ponte Mantible e unha plantación de árbores en Salgueiriños.

O alcalde compostelán, acompañado da concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e dalgún outro concelleiro, uniuse aos rapaces nesta celebración, chamada a concienciar aos máis pequenos sobre a importancia das árbores e da auga. Sánchez Bugallo estivo cos nenos e nenas do CEIP de Vite na plantación de árbores que fixeron en Salgueiriños.

Neste acto, a carón do río Corvo, os rapaces plantaron exemplares de diferentes especies arbóreas (ameneiros, castiñeiros, cerdeiras, bidueiros, feixoas...), dos que se colgaron os nomes das árbores e máis os dos escolares que as plantaron. Ao remate, foron asgasallados cun libro de caracter medioambiental e cun marcapáxinas relativo ás diferentes especies plantadas.

Antes, a Concellería de Medio Ambiente organizara para os rapaces unha visita ao acueduto da Ponte Mantible. Reconstruído en tempos de Xelmírez, este acueduto serviu para levar a auga aos arredores da Catedral, e hoxe segue subministrándoa a varias fontes da cidade histórica. O depósito das Cancelas, visible dende Ponte Mantible, é un dos principais elementos da distribución da auga á cidade.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo resaltou que "Santiago medra en sintonía coa natureza" e recordou os abondosos espazos verdes e mananciais da cidade. "Un dos nosos grandes patrimonios é a conservación da natureza", indicou o alcalde.

A plantación de árbores con escolares é un acto que se ven realizando tradicionalmente dende o Concello de Santiago. Recolle a tradición galega da Festa da Árbore na que posiblemente participaron os avós e avoas dos escolares de hoxe. Con estas actividades preténdese incidir na concienciación da necesidade dun consumo responsable da auga e na importancia de coidar e de manter a masa forestal de Compostela.

Compartir: