ALCALDÍA

A Comisión Asesora do Casco Histórico aproba a restauración do Pórtico da Gloria

03/04/2008 Na xuntanza que mantiveron os membros da Comisión Asesora da Cidade Histórica aprobáronse as obras de restauración do Pórtico da Gloria. Tamén obtiveron o visto e prace a reforma do Centro de día e Albergue de Xoán XXIII, e o proxecto de alumeado do Parque da Alameda e Santa Susana.

O proxecto do Pórtico da Gloria contempla unha primeira fase que consistirá na colocación dun andamio que servirá para facer un estudio in situ, con toma de datos e medicións sobre o pórtico; e unha segunda fase de realización dos traballos de restauración necesarios.

O prazo de execución estimado para a instalación da estrutura é de 20 días. Para a realización dos traballos de restauración prevense que serán necesarios dous anos e tres meses. En total, os custos ascenden a 51.916 euros.

O mosteiro de San Francisco será tamén obxecto dunha reforma que se centrará en mellorar as condicións dos locais do Centro de Día existente no edificio, respecto á seguridade fronte a incendios e accesibilidade. Ademais, aprovéitase para ampliar a dotación de servizos sanitarios na zona e cafetería e sala principal de actividades culturais, e para adaptar unha das habitacións da zona de albergue para o seu uso por persoas minusválidas. As obras importan un total de 75.153 euros.

Alumeado na Alameda
Ademais aprobouse o proxecto de alumeado público para o Parque da Alameda e Santa Susana, como continuación ao conxunto de actuacións executadas polo Consorcio da cidade. Dito proxecto inclúe, ademais das instalacións e cambios pertinentes nos farois da zona, a colocación de dous mástiles de soporte para banderolas informativas, a instalación dun banco perimetral curvo no espazo circular existente na zona de acceso a Porta Faxeira; a instalación e mellora das varandas de seguridade laterais na escaleira de acceso do calexón situado ao final da avenida das Casa de Compostela; a reparación na escaleira de baixada ao Campus Universitario dende o paseo lateral que comunica o edificio da gardería ca repisa inferior do parque xunto ao Campus; e a restauración dunha das columnas do mirador sobre o Campus.

Por último, aprobáronse tamén o mantemento e incorporación de aseos no Convento de Santa Clara; e varios proxectos de rehabilitación de vivendas na travesa Carme de Abaixo 6, rúa Fonte de Santo Antonio 8, e Bautizados 4. Tamén se autorizou obra nova no Pombal 28-B e na rúa Campo do Forno 18.

Compartir: