CULTURA

Botan a andar dous clubs de lectura na Biblioteca Ánxel Casal

03/04/2008 Presentáronse na Biblioteca Ánxel Casal os dous clubes de lectura que botarán a andar o mes de abril, un presencial e outro virtual. Trátase de actividades culturais e de lecer que pretenden funcionar como puntos de encontro e de intercambio de opinións sobre obras da literatura galega e universal, tanto clásica como contemporánea.

Un club de lectura é un grupo de persoas que len ao mesmo tempo un libro, cada un na súa casa. A Biblioteca Ánxel Casal prestaralles os libros, para o que se reservarán vinte exemplares de cada título que se escolla en cada un dos clubs. Periodicamente, os membros dos clubes reuniranse e comentarán as páxinas que leron desde o encontro anterior. Os libros que se lerán nos clubes son de narrativa galega e narrativa universal traducida ao galego, principalmente textos contemporáneos, pero tamén obras clásicas.

O club de lectura presencial reunirase cada semana durante unha hora na biblioteca para falar do libro que se están lendo e acordar as seguintes lecturas. Faranse actividades culturais complementarias como encontros cos autores e tradutores, ver filmes relacionados cos temas das lecturas ou asistir a representacións teatrais das novelas lidas.

No caso do club virtual, artellarase a través do blog http://www.blogoteca.com/clvcompostela/, onde se indicarán as lecturas e haberá material de soporte que axudará a entender as obras: textos sobre o libro, sobre o autor, etcétera. Neste espazo será posible expor preguntas, expresar opinións e compartir comentarios sobre a lectura colectiva. Lerase un libro cada mes e, rematada a lectura, os membros do club reuniranse virtualmente nun chat para compartir impresións sobre o texto.

Cada un dos clubs de lectura estará formado por como máximo vinte persoas. A inscrición está aberta ata o 18 de abril e pode solicitarse na biblioteca (Avda. de Xoán XXIII, teléfono 881 999 401) ou a través do correo electrónico biblio.publica.santiago@xunta.es.

Outras actividades do centro
Ademais, no acto presentáronse outras actividades qeu se han desenvolver na Bibloteca Ánxel Casal. Todos os sábados pola mañá haberá actividades dirixidas ao público infantil. O sábado 5 de abril, ás 11:00 horas, actuará a compañía Duende Sico co espectáculo Contacontos musical. Ás 12:00 horas presentarase o disco [em}Pelogato 24, nun acto que contará coa participación dun grupo 25 rapaces que farán unha demostración de varios xogos populares galegos.

Tamén se poden visitar na biblioteca dúas exposicións. Unha é a mostra de ilustración Apaga a luz: quero medo, creada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que reúne a 20 ilustradores e 20 escritores co obxectivo de amosarnos a súa visión sobre o medo. A segunda exposición é As bases da banda, creada pola Asociación Cultural BD Banda para achegarse á historia do cómic e amosar os traballos dos autores galegos, que están vivindo un momento de eclosión.

A presentación dos clubes de lectura na Biblioteca Ánxel Casal correu a cargo do tenente de alcalde, Néstor Rego; do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará; da responsable da Biblioteca, Begoña Domínguez; da coordinadora dos clubes de lectura, Eva López; e da escritora Rosa Aneiros.

Compartir: