CULTURA

Abril máxico e musical

03/04/2008 A programación cultural de abril vén cargada de actividades, entre as que destaca unha nova edición de Compostela Máxica, do 12 ao 19; o concerto de Tom Zé no marco de Sons da Diversidade e a representación 13 rosas.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou a programación do mes de abril, que se abre o mesmo xoves 3 co ciclo Revelando Voces, que se prolongará ao longo dos meses de abril e maio en seis centro socioculturais da cidade. Oito artistas dos máis diversos estilos darán a coñecer os seus traballos a través de 16 concertos.

Do 18 ao 19 de abril chega unha nova edición de Compostela Máxica. Semana Internacional do Ilusionismo. Os mellores ilusionistas do mundo traerán á cidade os seus números máis sorprendentes, nun amplo programa que será presentado en breves datas.

O Auditorio de Galicia acollerá o venres 11 e o sábado 12 a representación teatral e coreográfica de 13 rosas, a cargo da Compañía Arrieritos. Esta actuación inclúese dentro do ciclo Teatro e Danza en Xira. Nela faise unha homenaxe a todas as vítimas inocentes da Guerra Civil e de tantas guerras e tantas situacións nas que o ser humano é aniquilado sen xustificación algunha.

Ademais de Revelando Voces, a proposta musical destacada do mes vén da man do ciclo Sons da Diversidade, que nesta ocasión trae ao Auditorio de Galicia ao brasileiro Tom Zé, o domingo 13. Este histórico do tropicalismo dos 70 volve á escena con cancións cheas de poesía e compromiso. Tamén haberá humor, neste caso da man dos monólogos de Rober Bodegas o 24 de abril.

A programación cultural de abril complétase co programa de abono do Auditorio de Galicia e con propostas como Cinensino, Concertos Didácticos, o XIV Festival Internacional de Teatro Universitario ou o programa Cultura Vai 4 x 4.

Documentos relacionados



Compartir: