ZONA HISTÓRICA

O Concello asina un convenio coa USC e a Fegamp para o desenvolvemento dos cursos da Aula de Rehabilitación do Programa PAGUS

21/07/2005 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o rector da USC, Senén Barro e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Xosé Crespo, asinaron o xoves 21 de xullo un convenio para a colaboración no desenvolvemento dos cursos da Aula de Rehabilitación do Programa PAGUS.

O 30 de xuño deron comezo os cursos da Aula de renovación urbana e rehabilitación, un curso recoñecido pola USC que pón en marcha a Oficina da Cidade Histórica e rehabilitación do Concello coa colaboración do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión de Asesoramento Tecnolóxico do COAG, a facultade de Xeografía e Historia da USC, e a FEGAMP.

Este curso está enmarcado dentro do l Programa de Asistencia e Xestión Urbana Sostíbel (PAGUS), que financia a matrícula, dentro da iniciativa comunitaria Interreg-III C Sur, e conta coa participación de Santiago de Compostela-Galicia e Andalucía (España), Umbría (Italia), Miño (Norte de Portugal), Tracia-Macedonia (Grecia) e Malta.

Segundo explicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, no curso, xa comezado e con 90 alumnos, cóntase cos "mellores especialistas europeos en materia de rehabilitación". "Enorgullécenos que o 70% dos directores de rehabilitación de España estean saíndo de Santiago", declarou.

O programa, dirixido a arquitectos, aparelladores, historiadores da arte, xeógrafos, economistas, avogados, arqueólogos, sociólogos e outros profesionais relacionados coa renovación urbana e a rehabilitación, conxuga a formación práctica e teórica co intercambio de experiencias entre as rexións participantes. Durante o curso analízanse presupostos prácticos e proxectos de rehabilitación urbana concretos, que responden a problemas actuais dos centros históricos de Galicia. O desenvolvemento destes proxectos compleméntanse con seminarios e charlas que tocan as distintas disciplinas necesarias nos procesos de renovación urbana.

Os recoñecementos académicos a outorgar pola USC son o Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación ou Especialista en Renovación Urbana e Rehabilitación, ou ben os posgraos en Xestión e Políticas Urbanas, Cidade e Sostibilidade, ou Espazo Urbano e Urbanismo e Construción e aplicación de técnicas e normativas en rehabilitación diversas. As clases rematarán o 31 de marzo de 2006 no futuro edificio da Facultade de Filosofía de Santiago, na Praza de Mazarelos.

Compartir: