EDUCACIÓN

Lectura dende a infancia para homenaxear a nosa memoria

31/03/2008 "O eco da memoria" é o título da oitava Campaña de animación á lectura, que se desenvolverá do 31 de marzo ao 19 de maio. A Concellería de Educación intenta cada ano con esta iniciativa achegar á lectura aos nenos e nenas de Compostela. Sesións de animación á lectura, obradoiros de ilustración e de banda deseñada, sesións familiares e actividades nas librarías son algunhas das actividades previstas, nas que colabora a editorial Kalandraka.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou esta nova campaña, que nesta ocasión se centra na recuperación da nosa tradición oral e musical. Segundo o xerente de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros, trátase de facer "unha homenaxe colectiva á nosa memoria".

A campaña será presentada ao profesorado e, dende entón sucederanse as actividades nos centros de ensino. O calendario para os colexios inclúe sesións de contacontos, visitas guiadas á exposición, un obradoiro de ilustración con Óscar Villán e outro de banda deseñada e ilustración don David Pintor. Todo isto, complementado con concertos didácticos de música tradicional a cargo do grupo Caldaloba e Felisa Segade, do grupo Leilía. O traballo nos centros xa se vén realizando dende hai meses coa recompilación que os pequenos están facendo nas súas casas de cantigas, contos, refráns e outros recordos para facer o seu particular "Libro da memoria".

As escolas infantís tamén contarán con actividades específicas. En concreto, realizarase un obradoiro de plástica creativa e diversas charlas para as familias, para darlles aos adultos a información necesaria para a práctica da animación da lectura no fogar. As familias tamén son as destinatarias da clausura da campaña "Contos con música" e das actividades nas librarías da cidade.

As actividades formativas son o outro punto destacado desta campaña. Federico Martín volverá a Santiago para falar de "As sete portas da memoria", mentres que Manuela Rodríguez e Pablo Díaz recuperarán os momentos máxicos do tempo de contar e cantar grazas a "O eco da memoria". "Animar a ler dende a diversidade: o ritmo e a lectura" é o título dunha sesión destinada a educadores e profesionais que traballen con persoas con necesidades educativas especiais. Finalmente, profesores, educadores, bibliotecarios e outros profesionais poderán participar no obradoiro "A luz e a sombra da palabra. De oralidade e lectura".

Nesta Campaña de animación á lectura tamén se inclúe o I Premio Internacional "Compostela" para Álbums Ilustrados, que se fallará o 2 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Todas estas actividades teñen un orzamento de 23.221 euros.

Compartir: