AUDITORIO

Concerto didáctico da cantante e gaiteira Mercedes Peón

28/02/2008 Dentro do ciclo Concertos Didácticos, o Auditorio de Galicia ofrecerá o luns 31 de marzo, ás 11:00 horas, o concerto Dende o noso ao teu, de Mercedes Peón.

A proposta deste concerto é achegar aos escolares unha visión ampla de cómo se poden expresar musicalmente con todo o que teñen arredor, partindo primeiramente do mais próximo a eles: os sons que os rodean, a tradición transmitida ou calquera influencia que lles veña aos seus ouvidos dende calquera parte do mundo. Tamén se poderán familiarizar cos apoios tecnolóxico que permiten a súa comunicación e desmitificar a dificultade de dedicarse á composición musical.

O concerto Dende o noso ao teu fai un percorrido polos dous últimos discos compostos pola artista e de cómo se poden facer con total autonomía dende a casa con sons sinxelos ata desenvolvementos máis complexos.

Mercedes Peón iniciou a súa carreira percorrendo durante dez anos as aldeas galegas recollendo a herencia oral. Gravou por primeira vez en solitario no ano 2000, Isué Este, que recibiu o premio ao mellor disco do ano pola revista Folkworld. No 2003 presentou o disco Ajrú e no 2007 Sihá. Ten recibido diversos premios e distincións.

Ás sesións deste espectáculo asistirán mil rapaces de 14 a 17 anos, de colexios de Santiago de Compostela, Ames, Bueu, Lugo, Carballo, Tomiño, Sarria, Noia, Pontedeume, Zas, O Pino, Narón, Teo, A Estrada, Mos, Vilagarcía de Arousa, Ferrol e As Pontes.

Compartir: