FESTAS

A maxia de Antony and the Johnsons encherá mañá a Praza da Quintana

20/07/2005 O concerto, enmarcado no Compostela Festival, dentro das actividades das Festas do Apóstolo de Santiago, comezará ás once da noite.

Hai unha especie de mito polo cal, os grandes artistas crean illados do mundo, recluidos. Un non ten máis que achegarse a calquera das dez cancións do novo album de Antony and the Johnsons para decatarse de que isto é unha absoluta falacia, e asegurarse á vez da singularidade e orixinalidade de Antony, ese personaxe de rasgos andróxinos que é tamén The Johnsons.

A súa voz está imbuída na emoción trascendental do blues, despega sen adornos, cunha simplicidade que lembra nalguns momentos á dun troveiro medieval e abraia a quen a escoita ao chegar ás notas máis altas como se fose dun neno se tratase. As súas cancións de nostalxia, amor, desexo e perda, son difíciles de encadrar en calquera tipo de xénero ou identidade.

"I Am a Bird Now" é o segundo álbum de longa duración deste artista de Nova York. Nel colaboran coetáneos (Rufus Wainwright, Devendra Banhart) e mitos vivintes (Lou Reed, Boy George). A súa participación é a consecuencia da admiración que sinten por Antony e o seu lugar único na comunidade de arte contemporánea. "A presencia de cada un na gravación mostra o seu lado máis único, e teñen feito unha contribución creada especialmente para eles", di Antony. El encargouse dos arranxos dunha maneira meticulosa. "Involucrar a outra xente faime sentir menos solitario", conta. "Fixen o album dunha forma intuitiva, do modo en que sentía que quería que se fixera. E toda esta xente foi unha verdadeira inspiración para o disco".

Compartir: