ALCALDÍA

A autovía entre Sigüeiro e A Picaraña permitirá converter o periférico nunha vía urbana

28/03/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción polo inicio da redacción do estudo informativo para a futura autovía que unirá Sigüeiro con A Picaraña (Padrón). Esta vía, libre de peaxe e duns 30 quilómetros de lonxitude, permitirá "liberar do paso pola cidade o tráfico pesado e os demais vehículos que circulan entre o norte e o sur de Galicia", indicou.

Sánchez Bugallo augurou a construción desta estrada se realizará "na primeira metade da vindeira década". Lembrou que o Ministerio de Fomento baralla tres trazados alternativos e que o Concello apostará por un deles. Tamén indicou que, malia que o orzamento inicial previsto é de 122 millóns de euros, a súa estimación é que finalmente superará os 200 millóns.

Rematada esta autovía e chegado o momento, poderíase afrontar entón a transformación do periférico nunha vía urbana. Mentres tanto, apuntou, a intención é "seguir mellorando o periférico actual". Así, indicou que xa está en licitación pública, coa previsión de que as obras comecen no verán, o terceiro carril do periférico. Esta obra, dixo, estará en execución en paralelo coa do paso inferior da Galuresa.

Ademais, recordou que xa está redactado e á espera de licitación o proxecto do terceiro carril da Autopista, que executará o Ministerio de Fomento. Outra obra que está pendente de concretarse é a do paso inferior baixo a rotonda de Conxo.

Aeroporto
Perfiladas algunhas das conexións viarias da cidade para os vindeiros anos, o alcalde tamén se referiu de novo ás aéreas, pendentes do inicio das obras da nova terminal de Lavacolla. Sánchez Bugallo volveu a insistir que, "á marxe das negociacións no tema de Bando, AENA ten que asumir a súa responsabilidade e comezar a Terminal".

Ao respecto da operación de Bando, o alcalde reiterou que "a prioridade é a Terminal". Non obstante, apuntou que o seguirá traballando para que se logre un acordo entre as partes. Neste sentido, indicou que o Concello remitiu ao Ministerio de Defensa a documentación que este lles pediu na última reunión e que ten que ver coa viabilidade urbanística dos terreos. Esta proposta, dixo Bugallo, "foi contrastada con Política Territorial e atense a todas as reservas feitas pola Consellería cando aprobou parcialmente o PXOM".

Compartir: