CULTURA

Continúan as actividades na exposición "A historieta galega 1973–2008"

27/03/2008 O sábado 29 de marzo, de 10:00 a 13:00 horas, no Auditorio de Galicia, continúan as actividades da exposición A historieta galega 1973–2008.

O debuxante Jacobo Fernández realizou na primeira xornada das actividades o bosquexo da súa obra titulada As musarañas, baseada nunha historia titulada 17 musarañas, que foi publicada na revista "Golfiño". Nela, estes animais percorren todo o cadro comendo todo tipo de cómics. Durante toda a mañá o artista dará cor e perfil ás figuras e charlará con todas as persoas que se acheguen á mostra e que poderán ver como debuxa.

Jacobo Fernández é ilustrador, escritor e debuxante. Comezou a súa carreira facendo Os amigos de Archimboldo Roque para a revista "Golfiño". Posteriormente, traballou como illustrador de libros, escribindo e debuxando algúns propios como A gardería de dona Bixelmina. É colaborador das revistas "BD Banda" e "Dúas Veces Breve". No 2007 gañou o prestixioso premio de cómic Castelao, que organiza a Deputación da Coruña, coa obra Aventuras de Cacauequi, que será publicada a finais do mes de marzo.

Ás 11:00 horas haberá unha visita guiada adaptada a nenos e adultos de 45 minutos de duración. Unha hora máis tarde, no punto de lectura, comezará un taller a cargo de Fran Bueno, no que o artista introducirá aos participantes nos trucos e na arte do cómic.

Fran Bueno comezou a súa carreira traballando nas revistas "Totem" e "Fronte Comixario". Posteriormente triunfaría na revista "Golfiño" coa súa serie Os Escachapedras. De aí deu o salto aos Estados Unidos, onde debuxou a serie Nobre Causes. Actualmente está preparando, tamén para o mercado americano, a serie Undying Love, da que é guionista e debuxante.

Durante toda a exposición tanto nenos como adultos poderán utilizar o punto de lectura, unha sala habilitada para ler e disfrutar dos cómics que os debuxantes galegos publicaron nos últimos anos.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o 8 de xuño de 2008 no seguinte horario: todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, excepto os días de concerto, que pecha ás 19:00 horas.

Compartir: