CULTURA

O "Kiosko das almas perdidas" chega ao Auditorio

27/03/2008 Os soportais do Pazo de Raxoi acolleron un pequeno adianto de Kiosco das almas perdidas, a última produción do Centro Dramático Galego. Os seus bailaríns recrearon unha pequena parte do espectáculo que se representará o sábado 29 e o domingo 30, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia, no marco do ciclo SCQ Danza.

Despois de pasar polo Laboral Escena de Xixón, a produción comeza en Santiago a súa xira, que continuará por diversos escenarios galegos, españois e europeos. Sobre as táboas do Auditorio, o espectador asistirá a unha montaxe que reflexiona sobre a vida e sobre a capacidade de resposta ante ela.

Kiosco das almas perdidas está inspirado no mítico lugar do Berbés na cidade de Vigo, como metáfora do punto de encontro entre personaxes dispares unidos por un forte carácter que se atopan no abrente do día. En palabras do director do espectáculo, Roberto Oliván, o espectáculo "evoca a poesía daquel lugar", converténdose nun espectáculo sen un fío condutor claro, pero que busca "transmitir sensacións".

Para levar a cabo este proxecto, Oliván reuniuse con profesionais de distintas disciplinas, buscando a colaboración entre eles. Deste xeito incorporáronse profesionais como Mercedes Peón a cargo da música, o Mago Antón na asesoría máxica, Baltasar Patiño na iluminación, Muriel Félix na videocreación, Roberto Magro "Tober" na dramaturxia ou Fiumfoto na videocreación.

Sobre o escenario once bailaríns de distintas nacionalidades dan vida a uns personaxes que viven no límite, espidos de formas e regras. O director do espectáculo convida ao espectador á busca dun lugar no que ser un mesmo, a través dunha proposta escénica sen artificios na que se mesturan distintas disciplinas para amosar a alma espida do ser humano.

Con esta montaxe, o Centro Coreográfico Galego busca a captar novos espectadores para a danza, a través de novas linguaxes escénicas. Ese é tamén o obxectivo do certame SCQ Danza, promovido pola Concellería de Cultura, do que forman parte estas dúas representacións. Neste sentido, o seu titular, Néstor Rego, aludiu tamén ao éxito que están tendo os obradoiros de danza que se celebran nos centros socioculturais.

Xunto ao concelleiro, estiveron na rolda de prensa para presentar o espectáculo o xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), Miguel Martín; a responsable da música do espectáculo, Mercedes Peón; e o director, Roberto Oliván.

Documentos relacionados



Compartir: