TURISMO

Xosé Manuel Iglesias visita a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro e a Cámara Oficial Española de Comercio en Brasil

26/03/2008 Aproveitando a súa estancia na cidade brasileira de São Paulo, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, está a manter varias reunións de traballo con diversos axentes. Así, logo de ser recibido polo equipo directiva da Sociedade Hispano Brasileira, Iglesias visitou a Sociedade de Beneficencia Rosalía de Castro e a Cámara Oficial española de Comercio en Brasil.

A Sociedade Beneficente Rosalía de Castro é unha entidade sen fins lucrativos fundada no 1981 para amparar aos galegos maiores de 65 anos que non posuían os recursos socioeconómicos necesarios para unha vida digna. Foi evolucionando e hoxe, aínda que segue mantendo ese labor de apoio, funciona tamén como centro de día e como lugar de encontro da comunidade galega.. Así, ademais de levar a cabo as xestións burocráticas necesarias para que os galegos emigrantes poidan recibir as axudas que lle corresponden, tamén teñen servizo de fisioterapeuta, enfermería e, en breve, contarán con servizo médico propio. Todos os membros da directiva, a excepción da asistente social, fisioterapeuta e enfermeiro, traballan en rexime de voluntariado.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo coñeceu as instalacións da man da presidenta da Sociedade, María do Carme Gómez del Valle, así como de moitas das persoas que son atendidas pola sociedade. Iglesias amousoulle o seu apoio e púxose á súa disposición para todo o que precisaran, chegando incluso a facer, dende a sociedade, unha xestión con Galicia para arranxar un pequeno problema que eles tentaban solucionar no momento da visita.

A continuación, Iglesias visitou a Cámara Oficial Española de Comercio en Brasil. Ademais de coñecer as instalacións, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo sentou as bases do que poderían ser diversas roldas de negocios entre empresarios galegos e brasileiros. De feito, España é hoxe o segundo maior investidor directo no Brasil, só despois de Estados Unidos, polo que as relacións económicas entre Galicia e Brasil deben ser o máis fluídas posibles e así llelo manifestou o concelleiro aos membros da Cámara.

O concelleiro reunirase o mércores 26 cunha persoa próxima ao presidente da República do Brasil co obxectivo de reforzar os lazos económicos e turísticos con este país e xa pola noite, acudirá ao hotel Crowne Plaza, onde se celebrará a entrega de premios na que Compostela recibirá o galardón ao mellor destino turístico internacional.

Compartir: