CULTURA

Schellenberger volve a Santiago para dirixir á Real Filharmonía de Galicia

26/03/2008 O concerto da Real Filharmonía do xoves 27 de marzo, ás 21:00 horas, contará co director alemán Hansjörg Schellenberger como protagonista absoluto. Como director, ten preparado un programa pouco habitual, no que destaca unha peza de Michael Haydn, irmán do máis célebre célebre Joseph Haydn, sobre a cal o director alemán ten estudado e reflexionado moito ata conseguir a execución que dela escoitará o público que se achegue ata o Auditorio de Galicia.

A parte central do programa contará tamén co propio Schellenberger como músico solista, intérprete do Concerto para óboe, de Vincenzo Bellini, famoso polas súas óperas, pero que en 1822 compuxo esta pequena peza, coñecida a través de varias gravacións. Trátase dunha obra pouco difundida e inusual nas programacións dos auditorios.

O programa complétase coa Sinfonía número 40 de Mozart, unha das últimas compostas polo xenial músico e que a orquestra tocará na súa primeira versión, a de 1788. Trátase dunha das máis "profundas e aristadas", unha "traxedia sombría" que reflicte o "drama interior que vivía Mozart", en palabras dos estudosos.

Compartir: