COMERCIO

Media Lúa gaña o Concurso de Escaparatismo

26/03/2008 A tenda de marroquinería Media Lúa, ubicada na rúa Travesa número 5, é o comercio gañador do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping" 2007 , fallado o 26 de marzo e convocado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Media Lúa foi o establecemento que tivo unha maior presenza e continuidade ao longo das catro edicións anuais do certame, xa que quedou en primeira posición na edición de Primavera e en terceiro lugar nas de Verán e Outono.

O xurado acordou nomear gañador a Media Lúa pola boa distribución que fai do espazo e pola economía de medios cos que organiza o seu escaparate, construído cunha harmoniosa e minimalista ordenación dos seus produtos. Na edición de Primavera destacaba polo expositor que evocaba a gorentosa presenza de produtos pasteleiros para chamar a atención sobre os produtos artesanais de coiro que comercializa.

Na edición de Verán, os responsables do estabelecemento buscaron a inspiración no continente africano á hora de configurar o escaparate, cunha coidada ambientación, na que se fusionaron a estética de carácter étnico e a combinación de materiais como o coiro e a area. Unha proposta que destacaba pola súa orixinalidade á vez que reforzaba o valor da producción artesanal dos artigos comercializados. Na edición de Outono utilizouse o coiro para compór un escaparate inspirado nun tema tan actual nesas datas como a volta ao colexio, non que non faltaban libros, libretas, pizarras, etc.

O premio ao gañador do IV Concurso Municipal de Escaparatismo entregaráselle na III Gala do Comercio" Compostela Capital de Compras", que se celebrará o 10 de abril no Teatro Principal. Á gala, aberta ao público, están convidados todos os comercios de Compostela.

Compartir: