COMERCIO

Unha comisión elixirá os cinco establecementos homenaxeados na Gala do Comercio

25/03/2008 O mércores 26 de marzo coñecerase o nome dos cinco establecementos que serán homenaxeados na III Gala do Comercio, Compostela capital de compras, que se vai celebrar o 10 de abril no Teatro Principal, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, dentro do programa Marzo, mes do comercio. Á gala, aberta ao público, están convidados todos os comercios de Santiago.

Unha comisión decidirá os comercios homenaxeados en base aos seguintes criterios de valoración: antigüidade do establecemento e que o comercio pasara de xeración a xeración no seo dunha mesma familia desde a súa fundación. A iniciativa ten como obxectivo homenaxear a cinco comercios da cidade pola súa traxectoria ao servizo da súa clientela.

A comisión avaliadora está composta por un responsable da Concellaría de Promoción Económica e Comercio e por unha representación de: Fundación Santiago Centro Área Comercial, Asociación de Comerciantes e Profesionais Compostela Monumental Centro Comercial Aberto, Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTES e Asociación de Usuarios e Consumidores da Praza de Abastos de Santiago, Euroconsumo Galicia e Cámara de Comercio de Santiago.

Concurso de Escaparatismo 2007
Tamén o mércores 26 de marzo reunirase o xurado para fallar o IV Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping, convocado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio e no que colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTES, o Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, o Centro Comercial Aberto Santiago Centro, Euroconsumo Galicia e o Grupo Correo Gallego. O premio será para o establecemento que tivese unha maior continuidade na súa imaxe ao longo das catro edicións do certame.

Compartir: