CULTURA

Guirigai Teatro reflexiona sobre unha Europa máis alá das fronteiras

25/03/2008 A compañía estremeña Guirigai Teatro chega ao Teatro Principal coa obra En las puertas de Europa, no marco dunha xira que os está levar por boa parte de España e de Europa. A obra reflexiona, a partir duns personaxes situados no século XVI sobre a Europa actual e as súas fronteiras. Representarase os días 25 e 26 de marzo, ás 21:00 horas.

En las puertas de Europa naceu como unha co-produción coa compañía portuguesa O Bando e coa turca Oyunebi, dentro da Rede de Teatros Europeos Magic Net. Á vista do éxito, Guirigay Teatro incorporouna á súa lista de espectáculos e agora percorre España cunha versión integramente en castelán.

Segundo explicou o director e autor do guión dramático da obra, Agustín Iglesias, esta representación xira en torno a tres personaxes "que se moven entre as fronteiras de Europa" no século XVI, dividida entón entre cristiáns e musulmáns. Pero plantexa esta reflexión con claves actuais, cuns personaxes tratados dende unha óptica contemporánea grazas a unha fundación imaxinaria, Adonais, creada pola Unión Europea. "Máis alá dun mundo polarizado, aparecen personaxes que se moven entre as fronteiras e se encontran", indica o director. E para isto, escóllese como escenario un mercado.

Esta representación, que dura aproximadamente unha hora e cuarto, foi presentada polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Tamén estivo o protagonista da obra, Cándido Gómez. Estas funcións enmárcanse dentro dos intercambios con outras compañías españolas promovidos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Compartir: