COMERCIO

Case 100 comercios xa formalizaron a súa preinscrición no Compostela Outlet

24/03/2008 O 11 de abril remata o prazo de preinscrición para participar en Compostela Outlet. II Feira do comercio polo miúdo, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no marco do programa Marzo, mes do comercio. 98 estabelecementos comerciais xa presentaron a instancia no Rexistro Xeral do Concello para acudir á feira de saldos que se celebrará no Recinto Feiral de Amio o 26 e 27 de abril.

Promoción Económica desenvolve por segundo ano consecutivo Compostela Outlet co obxectivo de axudar aos estabelecementos de venda polo miúdo a liquidar existencias. Na feira de saldos pode inscribirse calquera comercio polo miúdo con sede social e/ou razón comercial en Santiago, exceptuando os de alimentación. As bases do concurso establecen que se habilitará espazo para un máximo de 150 estabelecementos expositores.

A adxudicación de postos aos expositores realizarase por rigorosa orde de entrada da preinscipción no Rexistro Xeral do Concello, situado na rúa Presidente Salvador Allende, número 4 (Galeras). Os comercios interesados en participar poden informarse no teléfono 981 542 493 ou na web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio: www.maiscompostela.org. Dende esta páxina tamén se accede á solicitude coas condicións xerais de preinscrición.

A Xunta de Goberno Local aprobou o 17 de marzo adxudicar a organización do Compostela Outlet á empresa Versal Comunicación, por importe de 31.820 euros. Esta é a segunda feira de saldos que se desenvolve en Santiago. Pola primeira, celebrada en 2007 no Recinto Feiral de Amio, pasaron 15.624 persoas.

Compartir: