MEDIO AMBIENTE

Concello e Medio Rural colaborarán na limpeza das áreas de especial protección forestal

24/03/2008 O Goberno local acordou á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellaría do Medio Rural e o Concello de Santiago para a participación na protección de núcleos rurais. A colaboración materializarase na realización de traballos de prevención e defensa contra os incendios forestais nas áreas de especial protección.

Estes traballos de prevención e defensa contra incendios de forestais afectan ás faixas de especial protección. O seu fin é protexer especialmente o espazo rural e os núcleos de poboación fronte a estes sinistros. O Concello comprométese á realización de traballos preventivos que diminúan a carga e a continuidade do combustible vexetal. Contribuirase así a diminuír o risco de propagación do lume e a minimizar os danos causados.

Os traballos consistirán principalmente na realización de rozas (mecanizadas ou manuais) a feito e selectivo, respectando os cultivos agrícolas e as especies vexetais protexidas. Tamén se farán talas de especies arbóreas. O prazo máximo para o remate dos traballos será o 15 de xuño.

Convocatoria de axudas
Estas actuacións poderá desenvolvelas o Concello, a iniciativa propia ou ben previa solicitude do propietarios. Cómpre lembrar que a Concellería de Medio Ambiente xa convocou axudas para estes traballos de prevención de incendios forestais. As bases aparecen publicadas no Boletín Oficial da Provincia do luns 24 de marzo e o prazo para solicitalas é de 20 días naturais.

A estas subvencións poden acceder persoas propietarias, arrendatarias e usufrutuarias de terreos forestais incluídos nas áreas de especial protección dos núcleos de poboación, edificacións, urbanizacións, etc, situadas a menos de 400 metros do monte. Tamén están incluídas as novas edificacións e urbanizacións de alto risco de incendios. No caso de Santiago, o prazo máximo para o remate dos traballos será o 20 de maio de 2008.

A contía da subvención será de 640 euros por hectárea, no caso de rozas manuais en supostos de imposibilidade de roza mecánica, e de 230 euros por hectárea para as rozas mecánicas. A subvención poderá chegar, como máximo, ata o 80% do custo dos traballos.

Direcciones relacionadas



Compartir: