CONSORCIO

Cantos sardos e música de Häendel no Festival de Músicas Contemplativas

18/03/2008 Por primeira vez en España, un festival acolle a actuación do Sos Cantores, orixinarios da capital de Sardeña, Cagliari. Será o mércores 19, ás 20:30 horas, na igrexa de San Roque. E dúas horas máis tarde, no convento de Santa Clara, música de Häendel a cargo de The English Concert.

Sos Cantores realiza unha importante tarefa de recuperación da tradición oral na illa italiana, especialmente da relacionada coa Semana Santa. De feito, os seus integrantes son membros das confrarías da cidade, coas que participan no canto do Miserere mentres percorren en procesión as rúas da cidade. Ademais practican o chamado canto "a concordu", canto devocional polivocal. Para esta ocasión actuarán acompañados da prestixiosa cantante italiana Matilde Politi.

A actuación terá lugar na Igrexa de San Roque. Edificada no século XVI como acción de grazas ao santo por librar á cidade da peste, a pequena capela de San Roque alberga a imaxe do patrón da cidade. Foi rehabilitada polo Consorcio en 1996, que interveu na tarima do pavimento, substituíndoa por unha nova, así como no arranxo de revocos e pinturas.

The English Concert en Santa Clara
Ás 22:30 horas, actuará no convento de Santa Clara The English Concert. Considerada unha das mellores formacións de cámara de Europa, ten realizado máis de 120 gravacións de música barroca e clasicista. Os seus concertos no Wigmore Hall e no Cadogan Hall de Londres son xa unha cita ineludible na programación cultural da capital británica. Ademais, ten actuado en Estados Unidos, Australia, Corea ou Malaisia. O seu director, Kenneth Weiss é profesor no conservatorio de París e un grande estudoso dos recitais de clave e de música de cámara barroca.

O escenario do concerto, a igrexa de Santa Clara, é un dos mellores exemplos de barroco na cidade, en especial a súa fachada, baseada en placados xeométricos, algúns deles espectaculares, obra de Simón Rodríguez. O edificio foi obxecto de restauración en diferentes programas levados a cabo polo Consorcio. Os traballos afectaron á igrexa, ao coro baixo e á primeira planta do claustro, principalmente. Xunto con outros mosteiros de clausura, Santa Clara foi protagonista da exposición Intramuros, que o Consorcio organizou no antigo Banco de España en 2006.

Compartir: