TURISMO

Turismo de Santiago reforza a Semana Santa co seu programa gastronómico e turístico

13/03/2008 Unha web propia, un completo programa de man, un intenso calendario de visitas turísticas e a segunda edición das propostas gastronómicas de "Sabores de Paixón" serán as achegas de Turismo de Santiago á celebración da Semana Santa compostelá no 2008.

O conxunto de iniciativas foi presentado polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e polo xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, que fixeron énfase no éxito da colaboración entre a empresa municipal de turismo, o Arcebispado e a Xunta de Confrarías. Resultado deste traballo é o programa de man que recolle o conxunto de actividades de Semana Santa e que presenta divididas en catro grandes bloques de interese: o programa gastronómico, con Sabores de Paixón; o programa turístico, coas visitas urbanas e excursións de Compostur; o programa relixioso, coas procesións e actos litúrxicos e o programa cultural, co III Festival de Músicas Contemplativas.

Toda a información poderá consultarse tamén na páxina web www.semanasantasantiago.com, que lanza este ano Turismo de Santiago en galego e castelán cunha imaxe renovada e máis contemporánea.

Sabores de Paixón
Por segundo ano consecutivo, Turismo de Santiago pon en marcha o programa gastronómico Sabores de Paixón, que engloba á súa vez catro deliciosas propostas: Pratos Coresmais, 14 Estacións, Doces Paixóns e Rutas Capuccinas.

Con esta iniciativa preténdese enriquecer a Semana Santa, ofrecendo do 14 ao 23 de marzo unha serie de pratos e menús de coresma, rutas de tapas, xeados, repostaría e produtos de panadería, tanto tradicionais como deseñados especialmente para Sabores de Paixón polos 70 estabelecementos participantes: 28 restaurantes, 21 taperías, 12 cafetarías e 9 pastelarías.

Visitas guiadas e excursións gastronómicas
Coincidindo co inicio da temporada alta, Turismo de Santiago promove as visitas guiadas e excursións turísticas comercializadas por Compostur, para atraer a máis visitantes e prolongar a súa estancia.

O Xoves e Sábado Santos, por exemplo, poden contratarse a excursión de día completo ás Rías Baixas, a visita guiada aos conventos de clausura ou o tour gastronómico. O Venres Santo están dispoñibles a excursión a Fisterra, a visita ás igrexas e o tour nocturno, mentres que o domingo sairá o tour en inglés pola cidade histórica.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: