MOBILIDADE

A Policía Local realizou case 37.000 controis de tráfico en 2007

13/03/2008 Ao longo de 2007, a Policía Local realizou un total de 36.852 controis, entre inspeccións de velocidade, do emprego do cinto de seguridade, do uso do móbil e de utilización do casco en motocicletas e de alcoholemia.

A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, e o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde explicaron este balance, que deixa un total de 25.543 controis de velocidade. Grazas a eles detectáronse 6.715 infraccións, fronte as 17.113 de 2006. Do total de infractores, 448 foron denunciados. Segundo Villaverde, detéctase unha "redución dos excesos", consecuencia directa da aplicación do carné por puntos e na reforma do Código Penal, que castiga as infraccións que poñan en perigo a vida das persoas.

En canto á vixilancia do uso do móbil, realizáronse 2.687 controis. En virtude dos mesmos produciuse a detención de 312 vehículos, dos que, finalmente, 17 foron denunciados por esa utilización do móbil durante a condución. Outros 47 condutores facían uso do dispositivo de mans libres.

Máis uso do cinto de seguridade
En 2007, realizáronse tamén 5.658 controis do uso do cinto de seguridade nos vehículos. Dos 5.280 condutores analizados, unicamente 169 (un 3,10%) circulaban sen este dispositivo, o que supón unha diminución significativa respecto ao ano precedente. Entre os ocupantes, dos 944 controlados, só 70 viaxaban sen cinto de seguridade.

Este mesmo ano 2008, a consecuencia dunha campaña da Dirección Xeral de Tráfico, realizáronse do 11 ao 28 de febreiro 4.598 controis a condutores do uso do cinto. Unicamente 92 (2%) condutores non levaban o dispositivo. En canto aos ocupantes maiores de 12 anos, dos 873 inspeccionados, só 28 ían sen cinto. Respecto a esta cifra, Norberto Villaverde advertiu que, en moitos casos, se trata de pasaxeiros de vehículos que pola súa antigüidade non teñen o dispositivo nos asentos traseiros. Finalmente, controláronse 156 ocupantes menores de 12 anos, dos que 11 non levaban o cinto de seguridade.

2.733 probas de alcoholemia
Respecto ás probas de alcoholemia, realizáronse 2.733 probas, nas que se inclúen as realizadas en probas aleatorias, as feitas a implicados en accidentes e as efectuadas por infraccións graves a normas de circulación. Entre as primeiras, das 2.581 realizadas, 123 deron un resultado positivo, de maneira que 102 condutores foron denunciados administrativamente e outros 21 casos foron remitidos a Atestados para a súa denuncia penal. Unha persoa negouse a realizar a proba.

Nos controis a implicados en accidentes de tráfico, dos 55 realizados, 49 deron positivo, un negativo e cinco condutores negáronse a realizar a proba. Finalmente, das 97 probas feitas por infraccións graves ás normas de circulación, resultaron positivas 95, non houbo negativas e dous condutores negáronse. Dos infractores, 50 cometeron falta penal e 45 administrativa.

Compartir: