CULTURA

O espírito musical dos 50 chega a Santiago da man do "Grease Tour"

12/03/2008 O musical Grease chega a Compostela para devolvernos aos anos 50 e á música que entón triunfaba entre aos máis novos. O Multiusos Fontes do Sar albergará este espectáculo o 25 de abril, ás 22:00 horas.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou este musical, que ven a sumarse aos "grandes eventos que lle dan proxección á cidade e que enriquecen e complementan a súa oferta cultural". Ata 2.700 persoas poderán asistir ao espectáculo, con prezos de 25 e 20 euros, para plateas e gradas, respectivamente.

As características deste musical foron descritas polo seu promotor, Ignacio Faulín, quen indicou que estarán no escenario 25 persoas, entre cantantes e corpos de baile, con 10 cambios de vestiario e preto dunha hora e 45 minutos de espectáculo. Interpretaranse ata 27 cancións, todas as do musical orixinal adaptadas ao castelán e algunhas máis en inglés propias da época.

Grease (brillantina) presentouse como musical nun teatro do Broadway neoiorquino en 1971. A montaxe foi todo un éxito e, en 1978, o fenómeno Grease tomou dimensións universais grazas o filme homónimo protagonizado por John Travolta e Olivia Newton John.

O vixésimo aniversario da película foi motivo para a creación dun concerto musical, bautizado como Grease Tour. Neste espectáculo os artistas que interveñen cantan, bailan e ofrecen un concerto de música dos anos 50 coa pretensión de contaxiar ao público e facelo partícipe. Estreado en novembro de 1998 na sala La Riviera, de Madrid, o espectáculo conta xa con máis de 600 funcións en cidades e teatros de toda España.

Na rolda de prensa para presentar o espectáculo estiveron tamén Ana Salgado, da Fundación Caixa Galicia, e X. Antón Antelo Lema, subdirector do Multiusos Fontes do Sar, quen lembrou a aposta do recinto por este tipo de espectáculos musicais, do que a última mostra foi Heidi.

Compartir: