CULTURA

A Zona C acolle a mostra "Estrutura binaria", da artista compostelá Marga Crespo

11/03/2008 O mércores 12 de marzo, ás 20.00 horas, na Zona "C", inaugurarase a exposición da artista compostelá Marga Crespo, que leva por título Estrutura binaria.

A mostra, organizada pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, presenta a proposta da artista Marga Crespo para a Zona "C", unha intervención composta con dúas pirámides truncadas, colgadas do teito: unha nun sentido ascendente a outra descendente. En Estrutura binaria existe unha preocupación polas relacións espaciais determinada por nocións coma o interior e o exterior, peso e lixeireza e inmaterialidade. É unha escultura que rompe co espazo tradicional da escultura moderna. É á vez escultura e instalación.

A obra fai sentir a súa presenza como obxecto non só colocado no espazo do espectador, senón no "medio". Non é difícil sentir a sorpresa cando se entra na sala e se observan esas estruturas xeométricas suspendidas por uns cables case imperceptibles ou se aprecia como cambian as súas formas ao variar a perspectiva visual ou a luz que as ilumina.

O acto de inauguración contará coa presenza do tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, e a da artista Marga Crespo.

A Zona "C" está situada na rúa San Domingos de Bonaval, 1. A exposición permanecerá aberta ata o 4 de maio de 2008 e pode visitarse todos os días, excepto o luns, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20.00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: