EDUCACIÓN

Ábrense os prazos para a admisión nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas

10/03/2008 O Goberno local aprobou a apertura de prazos de presentación de solicitudes de ingreso e o procedemento de admisión nas escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas. O 15 de marzo remata a reserva de prazas do alumnado actual.

Unha vez revisadas as reservas, procederase, o día 27 de marzo, á exposición pública da lista de reserva de prazas e do número de prazas vacantes por unidades nos taboleiros de anuncios do Concello de Santiago de Compostela e nos das escolas infantís municipais. A Concellaría de Educación tamén atenderá a demanda dos pais de nenos matriculados para poder solicitar o traslado a outra escola infantil. Neste caso deben presentar a súa solicitude antes do 25 de marzo. A aprobación do traslado estará sometida ás limitacións derivadas dos grupos que se formen atendendo á idade.

O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso será do 28 de marzo ao 15 de abril. As solicitudes entregaranse no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4 – Galeras).

Obras e nomeamentos
Por outra parte, adxudicouse por urxencia diversas obras de mantemento e reparación nos centros de Educación Infantil e Primaria dependentes do Concello, por importe de 57.807 euros. Tamén se acordou nomear un funcionario interino técnico de educación para o desenvolvemento da Programación municipal de animación á lectura e promoción do libro e do Programa didáctico "Comer cos cinco sentidos", ata o seu remate, previsto para o 30 de xuño de 2008.

Finalmente, e tamén en materia educativa, acordouse o nomeamento da concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, como representante municipal na Comisión de Escolarización, a solicitude da Delegación Provincial da Consellería de Educación.

Compartir: