MEDIO AMBIENTE

O Concello subvencionará os gastos de limpeza e talas para previr incendios

10/03/2008 O Concello convocará axudas para a prevención de incendios forestais no ano 2008. Así, subvencionaranse os gastos derivados da execución de rozas ou talas de especies arbóreas. Para este fin destinaranse 15.000 euros.

A Xunta de Goberno aprobou as bases desta convocatoria de subvencións, que se acollen ao previsto na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. A mesma recolle a competencia das Entidades Locais para ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas para evitar incendios e a ordenación da execución subsidiaria da xestión da biomasa. Tamén se establece a obriga dos propietarios, arrendatarios e usufrutuarios dos terreos forestais de mantelos en condicións axeitadas para previr ou evitar incendios.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, explicou que poden acceder a estas subvencións persoas propietarias, arrendatarias e usufrutuarias de terreos forestais incluídos nas áreas de especial protección dos núcleos de poboación, edificacións, urbanizacións, etc, situadas a menos de 400 metros do monte. Tamén están incluídas as novas edificacións e urbanizacións de alto risco de incendios.

Os beneficiarios das axudas deberán realizar os traballos preventivos mediante rozas selectivas, respectando so cultivos agrícolas e as especies vexetais protexidas pola lexislación vixente. Semellantes esixencias existirán no caso das talas. Esas actuacións comprenderán unha franxa de 100 metros arredor de calquera edificación, urbanización, obras ou instalacións industriais ou eléctricas situadas a menos de 400 metros do monte. O prazo máximo para o remate dos traballos será o 20 de maio de 2008.

As solicitudes deberán presentarse no prazo de 20 días naturais a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A contía da subvención será de 640 euros por hectárea, no caso de rozas manuais en supostos de imposibilidade de roza mecánica, e de 230 euros por hectárea para as rozas mecánicas. A subvención poderá chegar, como máximo, ata o 80% do custo dos traballos.

Compartir: