TRANSPORTES

Máis de 7,7 millóns de viaxeiros empregaron o transporte urbano en 2007

07/03/2008 O ano 2007 supuxo o asentamento definitivo da rede de transporte urbano, cos seus distintos operadores: Tralusa, Hermanos Ferrín, Transportes Mosquera e Aucasa. Así o demostra a cifra de pasaxeiros transportados en 2007, que alcanzou os 7.721.901 viaxeiros, 144.480 máis que en 2006, o que supón un incremento do 1,91%.

O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves e o xerente da Sociedade Municipal de Transporte Urbano (Tussa), José Ramón Mosquera, presentaron o balance do servizo de transporte público en 2007, que conta cun total de 16 liñas urbanas e outras oito periféricas. Entre as novidades do ano rematado, o concelleiro destacou a ampliación da liña 5 ata a nova urbanización do Avío, a ampliación de horarios da liña 13, a extensión do percorrido polo polígono da Costa Vella das liñas C5 e C6, os incremento de horarios n aliña de Ortoño e a ampliación do percorrido da liña da Peregrina-Grixoa ata Miramontes. Para Nieves, estas modificacións van na liña de "dar resposta ás novas demandas dos cidadáns e ao propio crecemento da cidade".

En canto á utilización das distintas liñas, destacan fundamentalmente as liñas 1 (polígono do Tambre-Hospital Clínico), 6 (San Lázaro-Os Tilos), 5 (polígono de Vite-Estación de Autobuses-praza Roxa-Conxo-A Rocha) e 11 (circular Fontiñas), que logran cifras de 1.280.882, 1.246.601, 1.218.158 e 974.186 pasaxeiros, respectivamente. Estas catro liñas supoñen o 61,13% do total.

Entre os datos a ter en conta no funcionamento das liñas, destaca o incremento en 16.964 viaxeiros das liñas C5 e C6, como consecuencia das modificacións realizadas en maio de 2007 para dar unha maior cobertura ao polígono da Costa Vella. A liña 13 (tanatorio de Boisaca-polígono do Tambre-Guadalupe-Casas Novas) medrou en 22.779 o seu número de usuarios, polo aumento dos servizos. Salienta tamén a consolidación da liña 15 (campus Norte-praza de Galicia-campus Sur), con 10.637 usuarios máis e, dentro das liñas urbano-periféricas, o aumento en 9.300 viaxeiros da liña de Santa Lucía.

As mesmas tarifas
Nieves lembrou que para este ano 2008 se manteñen as tarifas do transporte urbano: O billete ordinario queda en 0,90 euros e o escolar en 0,55 euros. Co bono ordinario, a viaxe sairía en 0,55 euros e, co bono escolar, en 0,40 euros. O prezo do bono mensual mátense nos 26 euros. Cómpre lembrar a gratuidade do bono pensionista e dos transbordos.

En 2007, 2.093.521 viaxeiros (o 27,11%) empregaron o billete ordinario, e 1.961.814 (o 25,41%) o bono pensionista. Outros 1.935.798 usuarios (o 25,07%) beneficiáronse das vantaxes do bono ordinario. Respecto a 2006, baixa a utilización dos billetes ordinarios e escolar, que pasan dun 35,88% a un 32,23%. Pola contra e como consecuencia da conxelación dos bonos nos últimos anos para fidelizar os usuarios, medra un 1,47% o uso dos bonos ordinarios e escolares. Os transbordos de balde comezaron a asentarse na rede de transporte, e xa supoñen o 1,21% do total das viaxes realizadas.

Transporte comarcal
O concelleiro tamén se referiu ao transporte comarcal, que na actualidade une Santiago con Milladoiro, Brión-Bertamiráns, Cacheiras e Sigüeiro. Destacou o se beneficio para a cidade en canto á redución de vehículos particulares que entran na cidade e dende o punto de vista comercial, ao situar nunha zona céntrica, na rúa da Rosa, a un número importante de xente da comarca.

Documentos relacionados



Compartir: