ALCALDÍA

Catorce procesións, liturxia e músicas do mundo na Semana Santa compostelá

06/03/2008 Recuperadas moitas procesións nos últimos anos e con actividades complementarias coma o Festival de Músicas Contemplativas, a Semana Santa tense convertido tamén nun polo de atracción cara a cidade para turistas e veciños. A deste ano terá ata 14 procesións, diversos actos litúrxicos e unha ampla mostra de músicas do mundo.

Na presentación do programa desta Semana Santa, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que o mesmo "é un paso máis para recuperar o esplendor que nalgunha época tivo". Neste sentido, apuntou o importante efecto de eventos paralelos como o Festival de Músicas Contemplativas. Acompañaron a Sánchez Bugallo na rolda de prensa en San Martiño Pinario a presidenta da Xunta de Confrarías de Santiago, Magdalena Fernández Fandiño; o tamén integrante da mesma Isolino Castiñeiras, e o canciller do Arzobispado, Elisardo Temperán.

A apertura do programa terá lugar o sábado 8 de marzo, ás 20:00 horas, co pregón da Semana Santa na igrexa de San Domingos de Bonaval. As procesións comezarán o venres dos Dores, o 14 de marzo, ás 21:00 horas, e rematarán o domingo 30, ás 11:00 horas, data na que sairá á rúa o Santísimo Cristo da Paciencia, en Conxo.

O domingo 16 celebrarase nas igrexas da cidade o Domingo de Ramos, coa tradicional bendición das palmas e dos ramos. Ese día sairá e volverá a San Francisco, tras ir ata a praza do Obradoiro, a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén (11:30 horas). Música de banda de cornetas e tambores e a Banda de Música Municipal acompañan esta marcha. Esta mesma xornada terá lugar a procesión da Esperanza, a cargo da Irmandade dos Estudantes, con saída e chegada na Igrexa das Ánimas (18:00 horas).

Xa o martes 18, ás 21:00 horas, sairá do convento das Mercedarias, para dirixirse á Catedral, a procesión do Cristo da Paciencia.

Mércores Santo
O Mércores Santo, ás 20.30 horas, terá lugar o Exercicio do Vía Crucis. Unha representación de todas as confrarías composteláns participan na procesión, que sae do Campiño de San Francisco para chegar á praza do Obradoiro. Esta marcha ten a súa orixe na Confraría do Noso Pai Xesús Flaxelado, en colaboración coas confrarías de Noso Pai Xesús Nazareno e Santísima Virxe das Dolores e a do Santo Cristo da Unción e a Nosa Señora da Serenidade. Recuperada a procesión en 1988, as catorce estacións do Vía Crucis repártense polo percorrido e sinálanse por outras tantas cruces de madeira.

Unhas horas despois, ás 23:00 horas, partirá das Orfas a procesión do Cristo da Misericordia. A responsabilidade da mesma corresponde á Confraría de Estudantes, que paseará con cruz de guía acompañada de nenos de gala e música de tambores e de capela.

Xoves e Venres Santo
A procesión da Última Cea do Salvador sairá un ano máis en Xoves Santo, organizada pola Confraría da Vera Cruz. Arrincará ás 19:30 horas e rematará na igrexa de San Francisco, encabezada por unha talla do escultor compostelán Sanmartín realizada en 1864. E pouco antes da media noite, ás 23:30 horas, a procesión do Noso Pai Xesús Flaxelado percorrerá as rúas da zona histórica. Esta marcha ten carácter penitencial, con cruces e cadeas.

O Venres Santo iniciarase pola mañá, ás 11:00 horas, coa procesión do Santo Encontro, que partirá da praza da Quintana para chegar á igrexa de San Miguel dos Agros. Xa pola tarde (18:00 horas) sairá a Procesión da Quinta Angustia. Esta comitiva acostumaba a saír o luns de Pascua, sendo trasladada ao Venres Santo en 1968.

Tamén este día pasea a Procesión do Santo Enterro, con saída e chegada en San Domingos de Bonaval (20:00 horas). O Cristo Xacente e a Virxe dos Coitelos sobresaen entre os confrades vestidos de frac. A última procesión da xornada é a da Virxe da Soedade, que arrinca ás 23:00 horas na rúa Nova e remata na igrexa de Salomé. Ata os anos 30 a procesión saía o Domingo de Paixón. Durante moito tempo recibiu o nome popular de procesión de "Os Caladiños" e nela desfilaban tan só mulleres.

Sábado Santo
O sábado, ás 20:00 horas, sairá a procesión dos Irmáns, da que se encarga a Confraría do Santo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade, da que se encarga a confraría do mesmo nome. Ademais destas dúas imaxes, 22 nenos portan a Cruz dos Infantes. E xa o Domingo de Resurrección, o 30 de marzo, ás 11:00 horas, a procesión do Santísimo Cristo da Paciencia.

As procesións estarán acompañadas doutra serie de actos litúrxicos propios destas datas, moitos deles na Catedral compostelá. A bendición de palmas e ramos na Quintana, a Santa Misa Crismal, o Sacramento da Penitencia, a Santa Misa da Cea do Señor, a cerimonia do lavatorio de pés, o Sermón das Sete Palabras, o Vía Crucis, o Sermón da Soedade ou a Vixilia Pascual son algúns destes actos.

Ciclo de Músicas Contemplativas
A Semana Santa é tamén a época escollida expresamente para celebrar o Festival de Músicas Contemplativas, que neste 2008 celebra a súa terceira edición. Este evento, deseñado polo Consorcio de Santiago, une arquitectura e música no marco do patrimonio restaurado e rehabilitado polo propio organismo.

O Festival desenvolverase do 18 ao 22 de marzo nas igrexas de San Miguel dos Agros, San Roque, Convento de Santa Clara, San Martiño Pinario, San Domingos de Bonaval, San Fiz de Solovio, Ánimas, San Francisco e San Agustín. En cada unha delas actuarán, respectivamente, Ricercar Consort (Francia), Sos Cantores de Cuglieri (Cerdeña), The English Concert (Inglaterra), Coro do Patriarcado de Moscova (Rusia), Anwar Abudragh &Maqamat Ensemble (Iraq), Sanjay Subrahmanyan (India), Tariqa Qadiría Buchichía (Marrocos), Unicorn / Oni Wytars (Austria), Binchois Consort (Inglaterra) e Ensemble Dialogos (Croacia).

Compartir: