CULTURA

Repaso a 35 anos do cómic en Galicia

05/03/2008 O xoves 7 de marzo, ás 20:30 horas, na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, inaugúrase a exposición A historieta galega 1973 –2008. A montaxe presenta a obra de 50 debuxantes con 300 traballos que recollen a evolución histórica do cómic galego dende o ano 1973 ata a actualidade e que permiten entender o que aconteceu nos últimos 35 anos do cómic en Galicia.

A exposición está organizada cronoloxicamente e por bloques temáticos. Comeza en 1973 coa Exposición de Cómic Galego e a saída de A Cova das Choias até a publicación da revista Xofre. Outro bloque vai sobre o underground que coincide co final da ditadura e a Transición e no que participan artistas doutras disciplinas como Reimundo Patiño, Pepe Barro, Xosé Díaz, Correa Corredoira, Álvaro de la Vega…Multitude de fanzines nacen en todas as cidades e aparecen a revista Coordenadas, o fanzine Valiundiez e o Frente Comixario. Un terceiro bloque recolle os anos noventa, con destaques para Can sen Dono, Pepe Carreiro e BDBanda. Tamén hai un espazo para a revista Golfiño e outro titulado Extramuros que recolle a obra dos consagrados Miguel Anxo Prado ou Das Pastoras; Víctor Aparicio, Ramón Marcos, Tirso Cons ou Alex Casal.

Coa exposición organizouse un programa de actividades, que van ter lugar os venres e sábados dos meses de marzo e abril, nas que destacan as clases maxistrais, destinadas a debuxantes e guionistas que desexen coñecer o proceso de creación e produción dunha historieta. As clases serán impartidas por Miguel Anxo Prado, Carlos Portela, Carlos Jiménez e Antonio Vázquez. Tamén hai actividades para escolares e adultos con obradoiros, visitas guiadas e realización de cómics murais na propia sala de exposicións cos debuxantes Norberto Fernández, Jacobo Fernández, Fran Bueno e Pepe Carreiro.

A mostra permanecerá aberta ao público do 6 de marzo ao 8 de xuño de 2008 no seguinte horario: todos os días de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, excepto os días de concerto, que pecha ás 19:00 horas.

A exposición está producida producida conxuntamente pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Conta co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e a Fundación FEIMA.

O acto de inauguración contará coa presenza de Gemma Sesar e Fausto Isorna, comisarios da mostra; de Javier Blanco, en representación da Fundación FEIMA; de Néstor Rego, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais; de Luis Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural; e de Rubén Cela, director xeral de Xuventude e Solidariedade.

Compartir: