TURISMO

A oferta gastronómica da cidade, recollida nunha completa guía

04/03/2008 A empresa municipal de Turismo edita a Guía gastronómica de Santiago de Compostela, do xornalista Miguel Vila. O libro recolle toda a oferta gastronómica da cidade, dende restaurantes ata locais de tapas, tendas gourmet e pastelerías, así como as formas de facer turismo gastronómico.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o xornalista gastronómico Miguel Vila presentaron o libro que recolle, por primeira vez, toda a oferta gastronómica da cidade. Segundo Iglesias, esta publicación constitúe unha valiosa fonte de información para coñecer os mellores expoñentes da cociña na capital galega e para facer turismo gastronómico. Neste sentido, destacou a autoría de Miguel Vila, Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico "Álvaro Cunqueiro" en dúas ocasións, 2004 e 2006, e artífice de libros como O diccionario galego da gastronomía, Hora de comer, A cociña do Merlín e Caldeirada para dous (mortos).

Tras unha breve introdución do historiador Jorge Guitián, na que se fala da tradición gastronómica de Compostela e do seu carácter de privilexiada mesa dos produtos galegos, Vila presenta as principais materias primas e os usos e costumes da súa preparación. Ademais, hai referencias ás 18 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas con que conta Galicia.

As seguintes páxinas propoñen unha selección de restaurantes composteláns con fichas de información práctica, así como rutas polos mellores locais de tapas, bocadillos e pastelerías; os ultramarinos, os lugares chave para as boas compras de gourmets e ata receitas dos mellores cociñeiros. O libro complétase coa guía alfabética completa dos locais de restauración.

Turismo gastronómico
Capítulo aparte merece a Praza de Abastos, por ser o escaparate dos produtos que se guisan en Compostela e "meta de peregrinación" para o turismo gastronómico, ao que se reservan tamén algunhas páxinas. Alí figuran as iniciativas de Turismo de Santiago para dar a coñecer a gastronomía galega, como o Fórum Gastronómico, o programa "Santiago de Compostela. Repetirás" –dedicado á cociña compostelá de inverno-, os "Sabores de Paixón" –cociña de Coresma en Semana Santa-, e os tours e as excursións gastronómicas que poden contratar os visitantes.

A guía, editada en galego, castelán e inglés, está á venda, ao prezo de 5 euros, nas oficinas de turismo municipais. Editáronse 5.000 exemplares. Tamén foi distribuída a todos os bloggers e profesionais presentes na primeira edición do Fórum Gastronómico, celebrado na cidade entre o 16 e o 20 de febreiro.

Compartir: