CULTURA

O grupo Na Virada ofrece un concerto para escolares no Auditorio de Galicia

03/03/2008 Dentro do ciclo Concertos Didácticos, o Auditorio de Galicia ofrecerá o martes 6, ás 11:00 horas, unha actuación do grupo Na Virada. Presentará un programa que vai da música tradicional á música de autor.

O obxectivo da audición é o achegamento á música tradicional e popular galega en diferentes tempos históricos. Ademais de presentar os instrumentos musicais e obxectos sonoros utilizados durante o concerto, farase un achegamento á música e á poesía popular luso-brasileira. Complétase a sesión cunha participación colectiva en cantos de coral e pregunta-resposta.

O grupo Na virada fundouse no ano 2001 como colectivo cultural ao redor do proxecto discográfico Rolada das Cantigas, de produción propia e no que participan músicos, cantores, artistas plásticos, musicólogos, artesáns de instrumentos e xente vencellada ao asociacionismo cultural galego.

Está formado por: María Xosé López (voz, zanfona, gaita, cavaquiho, percusións varias), Xico de Cariño (harmónicas, salterios, berimbao, percusións varias), Humberto Heredia (guitarrras, voz, percusión latina) e Patricia Cela (percusión galega, yembé). Xián Otero e María Cabaleiro son a parella de baile.

Ás sesións deste espectáculo asistirán mil rapaces, de 10 a 11 anos, de colexios de Santiago de Compostela, Ames, Val do Dubra, Teo, Rianxo, Santa Uxía de Ribeira, A Baña, Noia, Proba do Caramiñal, Negreira, Carballo, Ordes, Lugo, San Sadurniño, Catoira, Vigo, Narón, Tordoia e Oroso.

Compartir: