ALCALDÍA

O Concello ofrece unha parcela en Conxo para un centro de día destinado a persoas con dano cerebral

03/03/2008 O presidente da Asociación de Dano Cerebral de Compostela "Sarela", José Balboa, reuniuse en Raxoi co alcalde. Alí manifestoulle a intención da asociación de construír un centro de día e solicitou a colaboración municipal. Sánchez Bugallo ofreceulle unha parcela en Conxo para este fin.

O alcalde indicou que o Concello está disposto a ceder para o centro de día unha parcela destinada a usos asistenciais en Conxo "ben comunicada, a 10 metros dun parque público, urbanizada e preto das zonas hospitalarias". Tamén confirmou a intención municipal de subvencionar a licenza de obra, tal como se fai nestes supostos con entidades de carácter social.

A cesión podería realizarse nun prazo dun ou dous meses a partir de que se formalice a petición. A Asociación tamén vai iniciar conversas con outras institucións, como a Xunta ou a Deputación da Coruña, a fin de que poidan colaborar na iniciativa.

Pola súa parte, José Balboa agradeceu a colaboración municipal e indicou que o centro de día proxectado podería dar servizo a unhas 50 persoas e que contaría cunha pequena residencia. Na actualidade a Asociación atende a uns 40 afectados.

Compartir: