PLENO

O Pleno aproba a concesión de catro distincións a proposta da Policía Local

28/02/2008 O sábado 1 de marzo, a Policía Local celebra o seu patrón, o Santo Anxo da Garda. Neste marco, entregarase a Medalla do Corpo a catro integrantes dos corpos de seguridade, en recoñecemento á "súa conduta exemplar durante a súa vida profesional". O Pleno aprobou por unanimidade a concesión destas distincións.

Os recoñecidos serán Manuel Garrido López, policía local xubilado o 21 de maio de 2001; Cesáreo Rey Noya, suboficial xefe do Corpo de Bombeiros; José María Eceiza Díaz, capitán da III Compañía da Garda Civil; e José Luis Fernández Vázquez, comisario do Corpo Nacional de Policía e xefe da Comisaría de Santiago.

Moción de condena
O Pleno aprobou tamén, a proposta do PP, unha moción de condena dos actos violentos sufridos pola deputada do Parlamento de Euskadi, María San Gil, cando ía pronunciar unha conferencia na Facultade de Económicas.

Declaración de utilidade pública
Finalmente, a Corporación ratificou a declaración de utilidade municipal da Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da provincia da Coruña (ASPANAES). Esta entidade, que forma parte do Consello Municipal de Servizos Sociais, conta na actualidade con 171 socios e atende a 143 persoas.

Compartir: