CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia participa no Festival Musika-Música de Bilbao

28/02/2008 Os días 1 e 2 de marzo, a Real Filharmonía estará en Bilbao, para ofrecer tres concertos monográficos sobre Schubert no Palacio Euskalduna, no marco do Festival Musika-Música. Para a ocasión, a formación santiaguesa ten preparado tres programas diferentes que inclúen as oberturas ás óperas Fierrabras e Rosamunde, así como as Sinfonías número 7 ("Inacabada") e número 8 ("A Grande").

O festival internacional Músika-Música preparou para a súa sétima edición catro días de música nos que a obra do compositor Franz Schubert soará de forma ininterrompida nos 63 concertos que acollerá o Palacio de Congresos e da Música Euskalduna de Bilbao os días 28 e 29 de febreiro e 1 e 2 de marzo. Baixo o título "Schubert en Viena", o Musika-Música deste ano percorre as mellores obras da transición musical comprendida entre o período vienés e o romántico do século XIX, nos 63 concertos que se programaron e que se prolongarán durante un día máis que na pasada edición.

Xunto á Filharmonía actuarán outras famosas orquestras internacionais, como a Sinfonía de Varsovia, a Neue Orchester, a Orquestra de Cámara de Wurtembergo ou a Orquestra Nacional de Burdeos, así como intérpretes nacionais como a Bilbao Oskestra Sinfonikoa, ou os pianistas Luís Fernando Pérez e Judith Jáuregui, entre outros.

En 2007, máis de 30.000 persoas asistiron ás diferentes sesións do Musika-Música, o que vaticina un importante éxito desta edición.

Compartir: