MEDIO AMBIENTE

As hortas municipais compatibilizarán o lecer dos maiores co aproveitamento do espazo público

28/02/2008 O Pleno municipal aprobou inicialmente o proxecto da ordenanza que fixará os criterios de acceso e de utilización das hortas municipais de uso público. Unha parcela en Belvís será a primeira na que a Concellería de Medio Ambiente poña en marcha esta singular iniciativa.

A ordenanza establece o sistema de acceso a estas parcelas, no que terán prioridade os xubilados e prexubilados do barrio en cuestión, neste caso Belvís. De superar o número de solicitantes as parcelas dispoñibles, realizaríase un sorteo entre os que cumpriran os requisitos. De non cubrirse as prazas, os seguintes en orden de prioridade serían as persoas xubiladas e prexubiladas, os veciños do barrio e do contorno das hortas e os veciños de calquera outro barrio.

Cada persoa só poderá ser usuaria dunha horta. Esta adxudicarase en concesión por un prazo de dous anos, prorrogables como máximo dous anos máis.

En canto ao uso, o espazo só se poderá destinar a horta e ao que se especifique polo Concello. Aínda que se permita a plantación de froiteiras, este aproveitamento só se efectuará polos bordos da parcela, ocupando unha superficie inferior ao 25% da parcela. Non se permitirá a cría de calquera animal nas hortas, nin a construción de pozos, invernadoiros ou cabanas. Tampouco poderá haber elementos que deterioren a paisaxe nin as instalacións existentes.

O Concello vixiará o uso que se faga da horta e a súa conservación, podendo revogar a autorización no caso dun mal uso. O usuario será o responsable do correcto estado dos accesos á horta, que deberá permanecer aberta. Respectaranse os horarios de apertura ou peche.

A ordenanza tamén determina as condicións de mantemento das instalacións comúns, o uso da auga para rega, a promoción da agricultura ecolóxica, as sancións e as causas de resolución da autorización. Os propietarios das hortas deberán crear unha agrupación que sirva de interlocutora perante o Concello.

Esta ordenanza será sometida a información pública e, posteriormente, levada de novo ao Pleno municipal para a súa aprobación definitiva.

Compartir: