RÉXIME INTERIOR

Aprobados os modelos de declaracións de bens e de causas de incompatibilidade

28/02/2008 Os tres grupos municipais deron o seu voto favorable aos modelos das declaracións de intereses patrimoniais, causas de posible incompatibillidade e actividades dos membros da Corporación e do persoal directivo municipal.

A concelleira de Réxime Interior e Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, presentou estes modelos, que velan por unha maior transparencia dos xestores públicos. O voto favorable unánime a estes rexistros chegou tras introducirse unha enmenda, presentada polo PP, para substituír a "referencia catastral" polo "valor catastral dos inmobles" nun dos apartados da declaración patrimonial.

Haberá dous modelos de rexistro: un sobre bens patrimoniais e outro sobre actividades e posibles causas de incompatibilidade. O primeiro contén datos sobre patrimonio, depósitos, outro patrimonio mobiliario e vehículos, así como de obras de arte, xoias ou outros bens cuxo importe supere os 6.000 euros. Tamén se informará sobre as débedas. O segundo xuntará información sobre postos, cargos ou actividades en calquera entidade do sector público, así como sobre actividades privadas de carácter profesional, mercantil, industrial ou laboral, por conta allea ou propia, sen esquecer outras actividades e supostos de posible incompatibilidade.

Estes rexistros aplicaranse a todos os membros da Corporación municipal así como ao persoal membro da Xunta de Goberno non concelleiro e ao persoal directivo municipal. Non incluíran datos indicativos que permitan identificar de inmediato aos propietarios dos bens, garantindo o dereito á intimidade e á protección de datos.

As declaracións publicaranse no Diario Oficial de Galicia e nesta web municipal, dentro dos 15 días posteriores á toma de posesión da corporación entrante xunto cos datos da saínte. Actualizaranse no caso de cesamentos, tomas de posesión ou alteracións producidas polas achegas dos interesados. Os modelos de declaración aseguran a fidelidade, xa que se instalarán nun sistema de xestión documental que protexerá a inalterabilidade dos datos.

Aprobados os novos modelos e unha vez sexan publicados, os concelleiros e directivos disporán de 30 días para presentar as súas declaracións. Dentro do mes seguinte insertaranse na páxina web, onde quedarán de xeito permanente e accesibles para calquera cidadán.

Compartir: