MOBILIDADE

O 2007 pechouse sen vítimas mortais e con menos accidentes nas estradas compostelás

28/02/2008 Malia o significativo aumento da densidade de tráfico, a accidentalidade nas rúas e estradas de Santiago segue a diminuír. Así se desprende dos datos de atestados do ano 2007, presentados pola concelleira de Mobilidade, Marta Álvarez-Santullano, e polo xefe da Policía Local, Norberto Villaverde.

Un dato importante é que, por primeira vez desde que se realizan estatísticas sobre sinistralidade a nivel municipal, o ano rematou sen vítimas mortais. Esta cifra está acompañada dunha redución dos accidentes, especialmente dos máis graves. Norberto Villaverde concedeulle o mérito destas cifras "á sociedade" e recalcou o efecto positivo nas mesmas do carné por puntos e da modificación do Código Penal. "Mellorouse a disciplina e reducíronse as condutas menos agresivas", apuntou, citando como exemplo os menores excesos en velocidade e en alcoholemia.

No 2007 foron atendidos 904 accidentes, fronte aos 973 do ano precedente, no que houbera tres falecidos nas estradas. En canto ao número de feridos, rexistráronse 37 graves e 248 leves.

Educación e prevención
Fronte a estas cifras de accidentalidade, o xefe da Policía Local insistiu na importancia da educación vial e da prevención para evitar condutas de risco. Nesa liña están os controis que realiza a Policía Local. En 2007 realizáronse 25.543 controis de velocidade. Grazas a eles detectáronse 6.715 infraccións, fronte as 17.113 de 2006. Do total de infractores, 448 foron denunciados.

En canto a outros controis, os de alcoholemia, realizáronse 2.733 probas, das que 267 resultaron positivas. No caso dos 55 controis feitos a implicados en accidentes de circulación, 49 deron positivo, 1 negativo e cinco persoas negáronse ao mesmo. Entre os controlados por ter realizado infraccións graves ás normas de circulación, a totalidade dos que se someteron á proba, 95, deron positivo.

A Policía Local tamén realiza outro tipo de controis, como os do uso do móbil, do emprego do cinto de seguridade ou da utilización de casco protector entre os condutores de motocicleta. Neste último campo, cómpre destacar que, nos 231 vehículos controlados, todos os condutores levaban casco.

Durante o 2007 tamén houbo algunha sanción a peóns, fundamentalmente polo cruce incorrecto da vía. Non obstante, a concelleira destacou o "labor pedagóxico" que a Policía Local realiza cos infractores.

Compartir: