EDUCACIÓN

A ludoteca Troularte percorre as cinco escolas rurais de Compostela

27/02/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou o plan de dinamización das escolas rurais de Compostela, realizado a través da ludoteca itinerante Troularte, da que se encarga o colectivo Xandobela. Este programa de animación sociocultural está dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.

Uns 150 rapaces disfrutan xa desta iniciativa, que lles ofrece unha alternativa de lecer aos nenos do rural. A ludoteca visita cada escola unha vez cada quince días. As actividades e obradoiros están orientadas cada mes a un tema concreto. Así, no mes de febreiro están centradas no mundo da cociña, e as do mes de marzo organizaranse en torno ao título "Tribos do mundo". Aquí os rapaces participarán en diferentes xogos do mundo como o ioté ou o alla frutta, ademais de en obradoiros de artes plásticas.

O calendario de actividades consensuouse co equipo de profesores e coas ANPAS. Así, por un lado desenvólvense diversos xogos como mecanismo de aprendizaxe e, polo outro, poténciase a través dos obradoiros o traballo artesán, para así promover a creatividade e canalizar a iniciativa de cadaquén.

Tras o peche das escolas da Peregrina e da Susana-Marrozos, son cinco as escolas rurais unitarias que se beneficiarán destas actividades: Feáns-Villestro (5 escolares), O Gaioso-O Eixo (9), O Rial-Laraño (14), O Sisto-Marrozos (5) e Rodríguez Xixirei (52). O orzamento deste programa, a realizar ata xuño de 2008, é de 8.865 euros.

Compartir: