CULTURA

Music-Walk presenta no Teatro Principal "Four Walls"

26/02/2008 O festival SCQ danza, celebra o seu segundo acto o 27 e o 28 de febreiro no Teatro Principal con Four Walls (Encontrando a Cage), a cargo de Music-Walk. O espectáculo foi presentado polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e polos creadores da mesma, Nicasio Gradaille e Olga Cameselle.

Music-Walk é un proxecto aberto que parte dun interese común dos participantes en fusionar distintas artes escénicas dentro dun só espectáculo. Nesta primeira experiencia participan Nicasio Gradaille, pianista e profesor do CMUS Superior de Vigo, e Olga Cameselle, bailarina, membro de Disquedanza. Pero tamén Ana Serna, bailarina e profesora de danza da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) de Vigo e Cristina Barriga, soprano que pertence ao Taller de Opera do CMUS Superior de Vigo.

Nesta colaboración pretenden unir a danza e a música contemporáneas dende unha perspectiva actual e persoal. Así, Four Walls é unha música para piano e voz composta por John Cage no ano 1944 para unha coreografía de Merce Cunningham. A música, de corte minimalista e de grande forza expresiva, escrita para voz e piano nun momento de crise emocional do compositor, é interpretada en directo sobre o escenario acompañada dunha coreografía de Olga e Ana, con accións teatrais de Nicasio e Cristina. A obra quere ser unha homenaxe ás figuras do compositor John Cage e do bailarín Merce Cunningham.

Danza ao longo de todo o ano
SCQ Danza é un ciclo impulsado pola Concellaría de Cultura que celebra este ano a súa segunda edición con 6 compañías (tres galegas, dúas portuguesas e unha madrileña). O ano pasado estiveran catro compañías, tres galegas e unha catalá, polo que é un ciclo que está medrando e consolidándose.

Logo de Music-Walk, SCQ Danza continuará en marzo co Kiosco das Almas Perdidas, do Centro Coreográfico Galego, e en maio coa obra Ni palante ni patrás (No hay manera, oiga...), de Teresa Nieto en Compañía. Xa en setembro virá Resgistro/Ausência (Memória descritiva)/As árvores ligam os passaros à terra, de Fábrica de Movimentos /Camélia-Projectos Coreográficos e, en decembro, Femenine, da Companhia Paulo Ribeiro.

Compartir: