CULTURA

Manuel Eirís faise co galardón do público do V Premio Auditorio de Galicia

25/02/2008 O artista Manuel Eirís recibiu o galardón outorgado polo público no V Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. Deste xeito faise co quinto accésit, dotado con 1.500 euros.

Manuel Eirís foi elixido por votación do público que visitou a mostra na sala Isaac Díaz Pardo pola obra Desocultamento, converténdose así en dobre gañador do V Premio Auditorio de Galicia, posto que xa resultara elixido polo xurado como primeiro premio, dotado con 6.500 euros.

Desocultamento é un traballo vídeografico que recolle o proceso de factura dos Desocultamentos, de xeito que a atención non só se fixa nas capas de pintura ou papel, riscadas, senón tamén na acción de riscar, que é coma facer unha pintura cara a atrás. «O tempo tamén pinta», dixo Goya. (Manuel Eirís, 2007). Os Desocultamentos consisten na acción de riscar en paredes das habitacións de casas abandonadas, para ir descubrindo as súas diferentes peles, isto é, as capas de pintura ou papel. As devanditas peles son reflexo da historia desas paredes, é dicir, testemuños das persoas que alí habitaron.

Manuel Antonio Suárez Eirís naceu en Santiago de Compostela, 1977. É licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e ten participado en varias exposicións individuais e colectivas e recibido varias bolsas e premios. Xunto a Manuel Eirís, resultaron premiados cos catro accésits: Jorge Perianes, David Ferrando Giraut, Amaya González Reyes e Sara Fuentes Cid.

Ademais da dotación económica, o premio inclúe unha exposición no Auditorio de Galicia, cos traballos seleccionados entre todos os que se presentan en cada edición e que permanece aberta ao público durante dous meses. E, este ano, os artistas premiados, van ter a oportunidade de expoñer as súas obras en Madrid no ano 2008, na sede da Fundación FEIMA. Esta fundación é unha entidade privada sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a difusión da arte e a cultura galega, dedicando especial apoio aos artistas máis novos.

Os gañadores do primeiro premio foron: Raúl Pereira (2001), Lorena Gómez (2002), Rubén Ramos Balsa (2003) que foi seleccionado para o Pavillón Español da Bienal de Venecia deste ano 2007, e Pablo Pérez Sanmartín (2005).

Compartir: