MULLER

O Consello Municipal da Muller renova a súa composición

25/02/2008 O salón de plenos do Concello acolleu unha sesión extraordinaria do Consello Municipal da Muller, que serviu para renovación das representantes no mesmo.

Foron designadas as representantes das distintas asociacións de mulleres do Concello, sete representantes das vogalías da muller das asociacións de veciños e as representantes das secretarías da Muller dos sindicatos. Ademais, forman parte do Consello, o alcalde, como presidente; a concelleira de Muller, Mar Martín; e Guadalupe Rodríguez, Paula Prado e Elvira Cienfuegos en representación de cada grupo municipal.

Cómpre lembrar que o Consello Municipal da Muller garante o dereito á participación na vida municipal das cidadás compostelás no ámbito no que se atende ás características específicas do seu colectivo social. Entre os seus obxectivos están: estudar e emitir informes; promover para a súa prioridade as iniciativas do Consello perante a Concellería da Muller e outras institucións; potenciar a coordinación entre as institucións que actúen neste eido en Santiago de Compostela, propoñer actuacións e acordos ás diversas concellerías, á Corporación, aos consellos municipais ou outras institucións; analizar as actuacións e intervencións que no ámbito da muller se produzan no municipio; debater sobre temas e dereitos das mulleres, promover a presenza e a participación das mulleres en todos os ámbitos; ou apoiar o fomento do asociacionismo das mulleres para acadar maior participación e solidariedade.

Compartir: