SERVIZOS

Unha auditoría verificará o funcionamento dos contedores soterrados de lixo

25/02/2008 O Goberno local aprobou o prego de cláusulas administrativas e o inicio do expediente para a contratación dunha auditoría para a inspección e verificación do funcionamento dos contedores soterrados para a recollida de residuos sólidos urbanos. O tipo de licitación é de 30.000 euros e o prazo de execución, de 15 días.

A empresa adxudicataria deberá realizar unha inspección visual exterior do estado de conservación dos contedores, e tamén inspeccionar o estado de conservación do sistema hidráulico de elevación da plataforma, do sistema eléctrico de manobra da plataforma e dos cables de compensación e elevación da plataforma.

Igualmente, deberá verificarse a existencia de identificación e marcado CE de cada un dos contedores, o funcionamento de apertura e peche dos contedores, e a conexión á rede equipotencial de posta a terra dos contedores. A auditoría tamén indicará posibles melloras tecnolóxicas a adoptar no parque de contedores, co obxecto de mellorar e garantir unha maior seguridade para os usuarios e para o persoal de mantemento.

A contratación desta auditoría xa fora anunciada pola concelleira de Servizos, Marta Álvarez-Santullano. Á mesma engadirase outra contratada pola propia concesionaria do servizo de recollida de lixo, Urbaser. O obxectivo de ambas é garantir que se cumpren todas as esixencias para garantir a seguridade laboral dos traballadores.

Compartir: