EMPREGO

O Proxecto Persoa IV promoverá a integración laboral de 120 persoas

22/02/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou os resultados do programa Persoa III e a solicitude presentada ao Ministerio de Administracións Públicas para a concesión de axudas do Fondo Social Europeo. Esta solicitude atines ao Pacto Local polo Emprego de Santiago 2008-2011 e articúlase en torno a dous eixes: o Persoa IV e o Plan de Acción Local polo Emprego.

O Proxecto Persoa ten como obxectivo promover a integración laboral de persoas desempregadas a través da súa participación nun proceso integral de inserción en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego. Este obxectivo cumpriuse nun 98% no Persoa III. Así, 103 persoas, das 105 que participaron, asinaron algún tipo de contrato dende que se iniciou o programa, en decembro do 2005. Ademais, a través deste programa creáronse tres empresas, as tres relacionadas coa acción formativa desenvolvida polos emprendedores.

Unha vez rematado o Persoa III e ante os bos resultados do programa, a Concellería de Promoción e Emprego decidiu solicitar a concesión de novas axudas para desenvolver o Persoa IV. Pero a convocatoria do MAP integra dous ámbitos de actuación: os itinerarios integrados de inserción sociolaboral, que se desenvolverían a través do Persoa; e o apoio ao estabelecemento de pactos locais polo emprego, materia que en Santiago xa se articula a través do Plan de Acción Local polo Emprego (PALE), asinado cos principais axentes sociais e económicos.

Co obxectivo de cumprir estas bases deseñouse o Pacto Local polo Emprego de Santiago. Este compromiso prevé a formación de 330 persoas desempregadas e contempla un orzamento de 1.320.000 euros: 720.000 para o Persoa IV e 600.000 para o novo Plan Local de Acción polo Emprego.

O Persoa IV centrará a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas e de nenos. Estes servizos concretaranse en oito accións formativas, a través das que se formarán 120 persoas, 15 en cada acción. En todas elas primará a práctica laboral. Ademais, a través do Persoa IV incentivarase a constitución de novas empresas, cun servizo de asesoramento e apoio específico aos usuarios.

Compartir: