CENTROS SOCIOCULTURAIS

O barrio de Sar estrea novo local sociocultural

15/07/2005 O sábado 16 de xullo, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, inauguraba o novo centro sociocultural de Sar, situado na rúa Ponte de Sar, nº 43 (baixo).

O barrio de Sar dispón dun novo equipamento sociocultural, sito na rúa Ponte de Sar nº 43, baixo (esquina rúa Diego Bernal). Trátase dun moderno espazo onde a veciñanza poderá dispor de servizos á participación cidadán e ao tempo de ocio.

O local, cunha superficie útil de perto de 160 metros cadrados, procede do aproveitamento urbanístico cedido ao Concello por unha promotora. Despois dun investimento de arredor de 150.000 euros para o desenvolvemento do proxecto de acondicionamento do mesmo e da adquisición do correspondente mobiliario, o novo local quedará integrado na rede municipal de centros socioculturais dependendo no seu caso do Centro sociocultural da Trisca.

Na planta baixa do local distribúense a recepción e a información, ademais dunha aula de informática, outra de talleres e un salón de usos múltiples, mentres que na entreplanta se sitúa a zona de uso asociativa.

O local sociocultural quere ser un punto de información para o veciños de Sar, onde poderán atopar información sobre os diversos servizos e prestacións municipais e das entidades do barrio. Pero ademais, o local é un lugar de encontro para o desenvolvemento de actividades diversas programadas. Así, na zona de información e consulta de programas facilítase a oferta sociocultural e de interese veciñal do barrio do Sar. Na aula informática da Asociación Veciñal do Sar están programados unha serie de cursos de iniciación e perfeccionamento para nenos e adultos. Ademais, nesta aula pódese acceder a internet, previa petición e tempo limitado. A aula de usos múltiples destínase á realización de talleres, exposicións de pequeno formato, xuntanzas de entidades, conferencias, encontros e foros, mentres que na aula de talleres se realizarán diversas actividades de estudio, lectura, xogos de mesa, etcétera. Por último, no local sociocultural desenvolverá as súas actividades a Asociación de Veciños de Sar, que conta cun programa específico.

O centro do Sar forma parte da rede municipal de equipamentos socioculturais, polo que as peticións de uso que queiran facer os veciños dirixiranse ao Csc da Trisca, que é o centro do que depende o novo equipamento.

Documentos relacionados



Compartir: