TURISMO

Quince mil persoas visitaron o Fórum Gastronómico Santiago’08

21/02/2008 Preto de 15.000 persoas visitaron o Fórum Gastronómico Santiago’08, celebrado no Palacio de Congresos. Dende o día da inauguración, o 16 de febreiro, ata a súa clausura, o 20, o fluxo de visitantes foi continuo e as diferentes salas que acolleron obradoiros e catas guiadas rexistraron un cheo absoluto en todas as sesións. Da cifra total, uns 7.000 estiveron no Fórum na fin de semana, nos dous días abertos ao público en xeral.

Á hora de facer balance, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, destacou a transcendencia do Fórum como "elemento de proxección internacional da cidade e da diversidade da súa oferta turística". Ademais, apuntou, "Santiago demostrou a súa capacidade loxística como cidade de congresos e foi o mellor escaparate de Galicia e dos seus produtos".

Pola súa parte, un dos directores, Jaume von Arend, destacou entre as cifras a dos 200 nenos que participaron no espazo específico destinado a eles. "Este será un espazo que deberemos ampliar na vindeira edición", sinalou. En realidade, salientou que o éxito obrigará a ampliar o espazo feiral para acoller a máis dos 150 expositores desta edición. Tamén salientou os 150.000 accesos diarios que se chegaron a rexistrar na páxina web do evento. Todo isto, indicou, augura un "brillante futuro" para o Fórum en Santiago.

Entre as conclusións unha vez rematado o Fórum, o outro dos seus directores, Pep Palau, apuntou varias: a diversidade do público da fin de semana, a resposta entusiasta do sector hostaleiro, a receptividade de sectores enogastronómicos moi diversos, a implicación da cidade, a transversalidade da participación e o papel do evento como "escaparate de luxo para a excelencia agroalimentaria de Galicia".

Finalmente, o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, recalcou que o Fórum "mereceu a pena", porque "superou folgadamente as expectativas". Segundo dixo, "o Fórum foi un fin e un medio para difundir a imaxe de Santiago como destino". Para a vindeira edición de 2010, subliñou como obxectivos unha maior dimensión e unha maior internacionalización.

703 congresistas e 150 firmas
O Congreso profesional contou con máis de 65 relatorios e sesións de cociña en directo, ofrecidas por cociñeiros e expertos procedentes de todo o mundo e ás que asistiron 703 congresistas, entre profesionais, gourmets e alumnos de hostalería.

Cómpre destacar que o espazo feiral reuniu a máis de 150 firmas en 70 casetas, ocupando 5.000 metros cadrados, que se converteron en escaparate dos mellores produtos de Galicia e do mundo.

Un exemplo do interese que suscitou o evento foi a presenza de máis de 125 xornalistas acreditados, que cubriron información sobre o Fórum, procedentes de España, Italia, Francia, Portugal, Alemaña, Dinamarca ou Bélxica, entre outros.

O Fórum eríxese así coma un novo factor de atracción e difusión da gastronomía galega, consolidando a Santiago como destino de turismo enogastronómico de primeira orde. Ademais, a cidade, que se implicou na celebración deste evento gastronómico, acolleu unha programación cultural específica en torno ao mundo da cociña e dos viños.

Compartir: