RÉXIME INTERIOR

Os novos rexistros de actividades e bens patrimoniais garantirá unha maior transparencia na acción dos servidores públicos

21/02/2008 A concelleira de Réxime Interior e Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, presentou o acordo de creación dos rexistros de actividades e bens patrimoniais e os correspondentes modelos de declaración. Segundo indicou, estes rexistros, que se publicarán na páxina web municipal, "reforzarán o papel independente e imparcial dos servidores públicos e atenden á demanda social de maior transparencia". A aprobación destes rexistros debaterase no Pleno municipal do 28 de febreiro.

Estes rexistros serán de aplicación a todos os membros da Corporación municipal así como ao persoal membro da xunta de goberno non concelleiro e ao persoal directivo municipal. Haberá dous modelos: un sobre actividades e posibles causas de incompatibilidade, e outro sobre bens patrimoniais.

Rosa Fernández destacou que "os rexistros non conterán en ningún caso datos indicativos que permitan identificar de inmediato aos propietarios dos bens". Respéctase así o dereito á intimidade e á protección de datos. "O texto non perturba os dereitos fundamentais protexidos polo artigo 18 de Constitución española compatibilizando o seu respecto coas finalidades do artigo 75.7 de información e transparencia do goberno municipal", recalcou.

Os modelos de declaración garanten a fidelidade, xa que se instalarán nun sistema de xestión documental que protexerá a inalterabilidade dos datos. As declaracións publicaranse no Diario Oficial de Galicia e nesta web municipal, dentro dos 15 días posteriores á toma de posesión da corporación entrante xunto cos datos da saínte. Actualizaranse no caso de cesamentos, tomas de posesión ou alteracións producidas polas achegas dos interesados.

No caso actual, unha vez aprobados os novos modelos no Pleno e publicados, os concelleiros e directivos disporán de 30 días para presentar as súas declaración. Dentro do mes seguinte insertaranse na páxina web, onde quedarán de xeito permanente e accesibles para calquera cidadán.

Compartir: