TURISMO

O Fórum Gastronómico Santiago’08 outorga o premio "Cociña e saúde" ao vasco Eneko Atxa

20/02/2008 A receita "Polbo mollado", elaborada por Eneko Atxa, foi merecedora do premio Cociña e saúde, outorgado co fin de recoñecer a receita máis saudable dende a análise nutricional, baseado nos principios da dieta atlántica.

Un grupo de especialistas da Fundación Dieta Atlántica, da Universidade de Santiago, foi responsable de realizar unha rigorosa análise de cada unha das receitas presentadas durante o Fórum Gastronómico Santiago’08. Con carácter unánime consideraron que o prato presentado por Eneko Atxa é o que contiña un maior número de elementos de equilibrio nutricional en función dos criterios da dieta atlántica.

Este cociñeiro vasco, cunha estrela Michelin, practica unha cociña metódica, de técnica excepcional, como o demostran os seus extensos traballos en colaboración con profesionais do ámbito científico. Unha cociña comprometida, tanto na selección dos mellores produtos locais como na inspiración, sempre observando as mellores paisaxes da súa Biscaia natal para preparar pratos cargados de sentido e identidade territorial. Con 30 anos recentemente cumpridos, Eneko Atxa é un dos valores máis sólidos da cociña en Euskadi e España.

O premio foi entregado polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, unha vez finalizada a sesión do diálogo de Cociña e saúde, no Auditorio Compostela, no que participaron Abel Mariné, Aniceto Charro e José López Alba.

Compartir: