FESTAS

O Día do Traxe Galego chega á súa 27ª edición

14/07/2005 O Concello anima a participar especialmente a todas as persoas maiores e nenos que poidan dispoñer dun traxe tradicional para saír ás rúas de Compostela o maior número de xente posíbel.

A tradicional xornada do Día do Traxe Galego, que se celebrará o xoves 28 de xullo, comezará ás 11 da mañá, cun desfile que partirá desde o Paseo Central da Alameda ás 11.15 percorrendo Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar e Praterías para rematar entrando na Catedral, onde se celebrará unha Misa Solemne e Ofrenda ás 12. No curso da cerimonia, José Luis Mallón García, membro da Asociación do Traxe Galego, dará lectura á Ofrenda anual ao Apóstolo.

Ao remate da misa e da ofrenda, arredor das 13.00 horas, a corporación municipal ofrecerá unha Recepción de Honra ás 13.15 horas.

Xa pola tarde, as actividades iniciaranse co exame dos participantes no XXVII Certame do Traxe en San Domingos de Bonaval a partires das 16 horas, no que poderán participar todos aqueles que cheguen antes das 17 horas. Os concursantes serán avaliados por riguroso orde de chegada.

O desfile, que irá desde Bonaval á Quintana, iniciarase ás 19.30 da tarde nas portas do Museo do Pobo Galego. Nel participarán os concursantes, os membros da Asociación e aqueles que o desexen, sempre que vaian ataviados co traxe tradicional galegos, acompañados de grupos musicais e da Banda de Música de Santiago de Compostela.

O Concello anima a participar especialmente a todas as persoas maiores e nenos que poidan dispoñer dun traxe tradicional para saír á rúa o maior número de xente posíbel.

O desfile baixará á Rúa de Bonaval, cruzará a Casas Reais, Cervantes, seguirá polo Preguntoiro, Calderería, Orfas, Rua de Vilar, Praterías, Conga e entrará na Praza da Quintana pola rampa entre San Paio e a casa da Conga. Logo continuará no interior da Quintana, ata chegar ás localidades previstas para os participantes no acto.

Aproximadamente ás 8 da tarde terá lugar a exhibición de traxes e a entrega de premios do certame na Praza da Quintana. Dous presentadores, Xoana Pintos e Gabi Davila, serán os encargados de introducir o acto e presentar aos participantes, que irán desfilando a medida que sexan chamados por orde de chegada. En cada pase describirán os traxes exhibidos.

Logo os presentadores darán lectura da acta do xurado do Certame e irán chamando polos premiados e as autoridades que procederán á entrega de premios. De seguido entregaranse os galardóns anuais da ATG a persoas ou institucións que se teñen destacado polo seu labor na promoción e difusión dos traxes tradicionais. Na edición de 2005 os premiados son Agustín Sixto Seco, a título póstumo e Francisco Collantes Carollo.

Compartir: